
Méndez di que en 100 días sentou as bases para poder gobernar durante catro anos
26 sep 2015 . Actualizado a las 11:07 h.-Alcaldesa, tanto na Casa como fóra dela hai quen ve certa parálise na acción de goberno, hai quen pensa que o seu goberno non acaba de despegar...
-É unha apreciación falsa. Quizá se deba a que este tempo foi en certa medida de traballo que non se ve, de organización e de reestruturación. Ese traballo está feito e están sentadas as bases para os catro anos. As prioridades estaban claras cando empezamos e están claras agora: a directriz de traballo é a que marca o programa electoral.
-En síntese, ¿cal é esa directriz de traballo?
-En relación coas outras forzas políticas, a participación e a transparencia. Dotalas de instrumentos para facer o seu traballo e centralizar a información. E manter un contacto directo. En relación co cidadán, buscar o benestar social e promover o desenvolvemento económico nunha situación tan complexa como é a actual. Por último, o traballo na parte organizativa, que non se ve, pero que é fundamental. Neste último caso, por exemplo, ao vincular o servizo de Augas a Infraestruturas é posible atender rápido a reparación das avarías.
-É certo que a todo alcalde que se estrea no cargo os 100 días de cortesía quédanselle curtos polas necesidades organizativas. Pero aínda así, as cerca de 50 obras e melloras de servizos acordadas co PP en xuño do 2014 aínda están sen executar...
-Iniciada si que está algunha das obras. Aí o PP erra. De todos modos, son obras do 2014 e o PP empeza a preocuparse agora por elas. Teño que dicir que en tres meses estamos licitando todas esas obras. É dicir, inacción non hai.
-A tramitación da revisión do PXOM empezou en 1997. Desde 1999 o Concello está gobernado polo PSOE e aínda falta por aprobar un 5% do planeamento. ¿Atrévese a dicir cando estará aprobado o plan xeral na súa totalidade?
-Espero que no primeiro trimestre do próximo año teñamos finalizado o que queda, incluso que estea aprobado pola Xunta. Estamos delimitando o contido que ten que ter o informe que pide a Confederación Hidrográfica sobre as canles fluviais para contratalo o antes posible.
-¿Ten algunha previsión para a revisión do plan especial do casco histórico, do PEPRI?
-Non é un tema que estea encima da mesa, pero Evislusa [empresa municipal do solo) xa ten traballo feito.
-Orozco non conseguiu sacar adiante o proxecto de crear o consorcio do casco histórico, unha iniciativa impulsada tamén polos construtores. ¿Ten algún plan ao respecto?
-Non temos definida nin a forma nin a denominación, pero si que queremos constituír algo así. Xa tivemos unha primeira toma de contacto coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción e reuniranse os técnicos municipais e os deles para seguir traballando. Temos que ver como podemos aproveitar a experiencia das boas prácticas noutras cidades e facilitarlle as cousas ao sector, que ten na rehabilitación unha das principais fontes de traballo.
«Non teño medo a que haxa polémica ao reimplantar a ORA»
Unha das primeiras decisión do goberno presidido por Lara Méndez foi a suspensión temporal da ORA, mentres non se redacta a nova ordenanza e se convoca o concurso e se adxudica a nova concesión. «Se algo quedou de manifesto estes días é a necesidade da ORA. Nós sempre dixemos que era necesaria», di Lara Méndez.
-¿Non teme que, desacostumados os condutores a pagar por aparcar, acollan con protestas a entrada en servizo da ORA cando pasen dez meses?
-Non, non teño medo a que haxa polémica ao reimplantar a ORA, aínda que é probable que algunha haxa. Pero creo que non será pola ORA en si, senón porque se implante nunhas rúas e non en outras, ou por outros aspectos, pero non polo propio sistema. É unha necesidade para a mobilidade e para xerar actividade económica.
«A relación cos outros grupos é continua e xa houbo catro xuntas de portavoces en dous meses»
A alcaldesa destaca que a relación cos outros grupos municipais é continua, como o demostra o feito de que en dous meses houbo catro xuntas de portavoces. Cre que o diálogo cos demais grupos políticos fará posible que un goberno con oito concelleiros de 25 que conforman a corporación consiga esgotar o mandato, que aínda está nos seus primeiros pasos. Pon como exemplo de como enfoca o goberno a relación cos outros grupos o caso da elección de cronista oficial. Este será un dos asuntos a tratar mañá en comisión. «Nós, desde o goberno, defendemos esa figura, que é de prestixio, e sempre é enriquecedora para o concello», di a alcaldesa, que recorda que a decisión de seguir adiante ou non con este asunto dependerá tamén dos outros grupos.
«Santín non ten dedicación exclusiva e non está tan visible como outros, pero fai un bo traballo»
Lara Méndez chegou a alcaldía de Lugo mentres no seu partido se desencadeaba unha tronada que o ten metido nunha difícil situación. O secretario provincial do partido, o concelleiro Juan Carlos González Santín, competiu e perdeu, vítima de manobras internas, na carreira con Manuel Martínez para ser o candidato socialista a presidencia da Deputación. Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, ex presidente da Deputación, ve en risco o seu futuro político a causa dos problemas xudiciais aos que se enfronta.
-¿Como inflúe a situación do partido na xestión do goberno municipal, se é que inflúe?
-Non afecta a acción de goberno. O que si afecta é que teñamos que seguir esperando a que nos reciba a presidenta da Deputación, do PP. González Santín é un concelleiro e a miña obrigación é pedirlle contas, como os demais, do traballo que fai. É o único do grupo que non ten dedicación exclusiva e non está tan visible, polo tanto, como os outros. Pero está facendo un bo traballo.
-¿Ten planes para remunicipalizar algún servizo?
-Gustaríame remunicipalizar algún, os que se poida. Hai algún que é posible, pero outros é tecnicamente moi complexo, porque precisan investimento, como é o da ORA.
-No caso do ciclo da auga, decidiuse a xestión municipal, pero non parece viable asumir directamente polo menos a depuradora e a potabilizadora, que agora atende unha empresa sen contrato en vigor...
-Neste asunto hai que actuar rápido. Estamos estudando distintas variables. Hai que recordar que o Concello decidiu no seu momento a xestión do ciclo da auga mediante unha sociedade mixta, que non foi posible polas normas do Goberno sobre endebedamento. Volveuse á xestión municipal, e agora estamos vendo, dentro deso, que opcións son máis interesantes. Non queremos poñer parches nin adoptar medidas transitorias.
-¿Ten algún proxecto no que estea especialmente interesada?
-Temos pequenas actuacións que iremos anunciando, e temos un gran proxecto que é un plan de emprego; o concello de Lugo ten 7.620 parados, que é moito para unha cidade como esta. Este plan irá recollido nos orzamentos para o próximo ano.