Un dos autores máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil galega
12 jul 2016 . Actualizado a las 17:54 h.O autor vilalbés Agustín Fernández Paz faleceu esta pasada madrugada en Vigo aos seus 69 anos. Nado en Vilalba, era licenciado en Ciencias da Educación e exerceu como mestre durante máis de trinta anos en educación primaria e secundaria.
Agustín é un dos escritores máis recoñecidos no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e internacional, xa que algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas. Unha das cousas que máis lle gustaba era que lle contasen historias, mais el tamén as sabía contar. Dende, Avenida do Parque 17, Cartas de Inverno ou O único que queda é o amor; ata as máis recentes, A Viaxe de Gagarín ou A Neve Interminable. Unha biblioteca persoal de máis de medio cento de publicacións da súa autoría.
Durante a súa traxectoria, Agustín recibiu varios galardóns polas súas obras. O premio Lazarillo, Edebé Xuvenil, Barco de Vapor, Merlín, protagonista Jove, Edebé Infantil, Rañolas, Raíña Lupa, Martiño Sarmiento, Xosé Neira Vilas ou o premio Trasalba. Agustín cría que as palabras posuían a forza necesaria para cambiar o mundo e afirmaba que os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir.
Sempre tivo moi presente a súa vila natal e Vilalba tamén o tivo a el. Precisamente, hai apenas uns meses, antes do remate do ano escolar, o IES Santiago Basanta Silva púxolle o nome de Agustín Fernández Paz a biblioteca do seu centro nun dos actos do seu cincuentenario.