Riotorto e Meira lembrarán ao poeta Avelino Díaz nos 120 anos do seu nacemento

LUGO

ALBERTO LOPEZ

Asociacións e centros de ensino dos dous concellos participan nun amplo programa de actos

20 dic 2017 . Actualizado a las 12:41 h.

120 anos do nacemento do poeta Avelino Díaz dan ocasión a que Riotorto e Meira, concellos relacionados coa súa vida, lle dediquen nas  vindeiras semanas actos variados, organizados pola asociación cultural que leva o nome do escritor. O primeiro día de actividades será o venres 22, cun acto denominado Lacón poético: na Órrea, parroquia natal do poeta (Local social, 19.30 horas), proxectarase o documental «Riotorto emigrante: a voz dos retornados»; presentarase o libro «14 poemas», con estudo de Benigno Fernández Salgado; entregarase un cadro de Antonio Rivas á asociación veciñal da parroquia; actuará o coro de Riotorto, e serviranse petiscos de lacón tras o peche do acto, no que intervirá o alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias.

Ao día seguinte, en Meira (Casa da Cultura, 17 horas), o xornalista e profesor Xosé López, secretario do Consello da Cultura Galega, dará unha conferencia sobre Avelino Díaz; presentarase o devandito libro; pronunciará unha conferencia o profesor e académico Xesús Alonso Montero; interrvirá o presidente da asociación Avelino Díaz, Francisco Veiga, e actuará o grupo Tango en xan3iro despois do peche, no que falará o alcalde local, Antonio de Dios.

Ao longo destes días, comezando xa no IES Pedregal de Irimia o vindeiro venres, haberá actividades dedicadas a Avelino Díaz coa participación de asociacións e de centros de ensino de Riotorto e de Meira. Avelino Díaz (1897-1971) naceu na Órrea (Riotorto), onde viviu parte da nenez antes de trasladarse a Meira. Emigrou sendo novo a América, volveu a Galicia,volveu marchar a América, e en Arxentina desenvolveu o seu labor poético e está enterrado.

Dende hai anos, a asociación que leva o seu nome tenta que se lle dedique o Día das Letras Galegas, e mesmo ten organizado roteiros por lugares de Meira e de Riotorto asociados coa súa vida. Descendentes seus visitaron a terra de orixe no 2015.