As actuacións serán de balde
19 feb 2018 . Actualizado a las 14:29 h.Do 3 ao 24 de marzo • 20.30 horas • Sala de exposicións da Capela de Santa María (Lugo) • De balde. Máis información: www.deputacionlugo.org ou 982 210 066 •
A deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou o luns unha nova edición do MusicAD, a programación musical que ofrece a Deputación de xeito gratuíto para impulsar a música folk.
Do 3 ao 24 de marzo haberá cinco concertos:
· Sábado 3 de marzo. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre presentan Noró, algunhas músicas do Norte, que pon acento nas músicas que habitan o noroeste peninsular. Neste proxecto participan Javier Álvarez co acordeón diatónico, Gutier Álvarez co violín e a zanfona, e as Adufeiras de Salitre con percusión e voz.
· Xoves 8 de marzo. Carmen Penín co espectáculo Herdeiras, un proxecto quere contribuír á difusión do papel das mulleres na época da guerra civil e a posguerra, resaltando o seu valor e resistencia, o seu compromiso e solidariedade.
· Sábado 10 de marzo. Tango en Xan3iro, formado por Marisa Dapereira no acordeón, Patricia Coucheiro na voz, Xosé Ramón Saborido no clarinete baixo e Bruno Villamor na zanfona, gaita e requinta.
· Sábado 17 de marzo. A banda folk Os d’Abaixo está formada, entre outros, por músicos de dous dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. Presentan nesta actuación Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, composto por temas case todos inéditos, provintes dun grande traballo de investigación, ao que tamén se dedica a banda. Un disco máis intimista onde o compoñente estético ten moito peso, tanto na coidada selección de letras como no deseño gráfico e a fotografía.
· Sábado 24 de marzo. Dónal Lunny, Pádraig Rynne e Sylvain Barou forman o grupo irlandés Triad. Ademais, a banda manterá un encontro cos seus seguidores: as prazas son limitadas, a inscrición realizarase a través de info.centrad@deputacionlugo.org
Paralelamente, na Capela tamén haberá unha exposición do fotógrafo afincado en Lugo Peter Schneider, Frauen (Mulleres).