César Dorado: «As xovencas do Centro de Recría son as mellores que atopan os técnicos»

LUGO

O candidato a presidencia de Acruga enfróntase á campaña electoral máis dura das que se presentou ata o momento, con graves acusacións
11 may 2018 . Actualizado a las 23:55 h.César Dorado preséntase á reelección como presidente de Acruga por outros catro anos. Faino no medio de críticas e descualificacións dos outros dous candidatos, que o acusan de levar a raza rubia galega ao perigo de extinción. Dorado defende a xestión destes 13 anos -chegou ao posto despois do falecemento de Ricardo Rosón, un dos fundadores da asociación e alma máter do seu funcionamento- e culpa ao despoboamento e ao peche de explotacións do descenso de exemplares rubios. Rexeita de pleno as acusacións de que ordenou a traballadores da asociación recoller votos para el nas granxas.
-Está sendo unha campaña polémica...
-Eu non teño nada que ocultar e defendo o traballo que se está facendo en Acruga, tanto por parte dos gandeiros coma dos técnicos. Non entendo a algúns candidatos, que non teñen rubia, que teñen unha vaca dunha cor e outra doutra, que se dedican a facer acusacións descualificando a raza. Tampouco entendo como usa o posto que ten algunha desas persoas para coaccionar aos gandeiros co fin de gañar votos. Os méritos hai que gañalos traballando e non dende os postos oficiais.
-¿Está recibindo moitos ataques directos pola súa xestión?
-Que se desenganen. As acusacións non son contra min. Son contra a raza, contra os técnicos de Acruga e os gandeiros.
-Falando dos traballadores, ¿é certo que lles ordenou que recollesen votos para vostede?
-É unha grande mentira. Non uso aos traballadores de Acruga. E que non falen tanto das delegacións de votos porque os gandeiros danas a quen queren votar, e os tres xogamos no mesmo campo, a partes iguais. Usan iso porque, como se sabe, estamos en campaña.
-¿Que ten que dicir das xovencas do Centro de Recría da Deputación? Núñez Torrón dixo que eran femias de descarte.
-As xovencas mércanselles aos gandeiros. Van un veterinario e un técnico ás explotacións e escollen as mellores que atopan. Pagamos a 6 euros quilo canal. Pésanse e calcúlase o 60 %, que é o que se paga, a 6 euros. No matadoiro están a catro e pico. Esas xovencas cando están preñadas vendémosllas aos gandeiros a prezos máis alcanzables que se as mercasen noutros sitio. Van coas probas de paternidade e o saneamento feito. O ano pasado 42 novos gandeiros dirixíronse a Acruga para facerse con elas. A rubia galega é famosa en todo o mundo.
-Acúsano tamén de descontrol na asociación. ¿Que ten que dicir diso?
-Os controis estanse a facer todos. Desde que entrei de presidente conseguín un convenio coa Deputación, que nos permite ofrecer xovencas a todos os gandeiros a prezos máis baratos, cando as mercamos a prezos máis elevados. Conseguín un convenio coa Xunta para sacar embrións e mellorar a xenética dos touros. Fixemos moitos avances que foron recoñecidos polo Ministerio de Agricultura como a asociación que mellor funciona de España.
«É unha mentira. Non mandei aos traballadores de Acruga buscar votos para min»
«Polas xovencas pagamos 6 euros o quilo e as que van a matadoiro páganse a catro e pico»
«As acusacións que descualifican a raza non son contra min, van contra técnicos e gandeiros»
A xestión para a mellora da xenética é outro dos cabalos de batalla na actual campaña electoral. Dorado xa explicou hai meses a qué obedecía a retirada do libro xenealóxico definitivo dun milleiro de reses. Nesta entrevista volve falar diso.
-Estamos facendo todas as paternidades para que non se coe ningún exemplar que non sexa de raza rubia. Se as cousas fosen tan mal como din non habería gandeiros que se están pasando á rubia dende outras razas. O que non podo é consentir que se descualifique a nosa raza como están a facer e sen motivo ningún.
-¿A que se debe entón o descenso no censo de animais dunha maneira tan importante?
-Todo o mundo sabe que o despoboamento do rural é un feito. A xente retírase e, se non ten a ninguén detrás, vende as vacas. En todas as razas cada vez hai menos gandeiros.
-¿Camiña cara á extinción como din os seus opoñentes?
-Iso din eles. A raza cada vez ten máis empuxe. Estamos vendendo a novos países e non só seme, senón que tamén nos piden xovencas preñadas.
-¿As vacas teñen os problemas cos partos que din os outros candidatos?
-Todo o que se dixo é unha grande mentira. As vacas están parindo soas nun 98 % dos casos. Eu tamén teño vacas e as miñas paren soas no prado. Hai outra cousa, o que non ten vacas propias ¡como lle van parir ben!
-¿Como pensa que van ser os resultados das eleccións?
-Temos unha asociación que está funcionando ben porque temos a mellor raza do mundo para carne. O que nos falta é extensión e ter as leiras xuntas. Eses señores, dende eses postos nos que están, están descualificando e prexudicando aos gandeiros e non se pode consentir. As urnas van dicir a quen poñen e confío en ser eu polo traballo de todos estes anos.