Prestixiosos investigadores acudirán ao Congreso de Arqueoloxía do Ouro

La Voz

LUGO

Será entre o 7 e o 9 de novembro no Museo Provincial de Lugo

28 jun 2018 . Actualizado a las 19:04 h.

O presidente da Deputación, Darío Campos; a directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro; a membro do Comité Científico do Congreso representante da USC, Ana Goy Diz; a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago; e o arqueólogo e a membro da secretaría técnica do congreso, Enrique Alcorta e Ofelia Camero, presentaron Congreso Internacional de Arqueoloxía do Ouro, que se celebrará entre o 7 e o 9 novembro. Campos avanzou que esta é «unha oportunidade única para todos aqueles profesionais de museos, profesores, alumnos, investigadores e lucenses para empaparse do coñecemento dos poñentes que veñen de toda Europa».

Neste congreso trataranse os seguintes temas: Primeiro, «Terra Auris»: paisaxe aurífera e circulación do ouro. Estudos de minería e xeoquímica das procedencias e a circulación do ouro. Xeografía dos achados de ourivería, dispersión dos metais e das pezas. Recursos e explotacións mineiras, etc. En segundo lugar: Tecnoloxía da ourivería antiga. Metodoloxías analíticas, resultados e novidades na investigación científica... Terceiro: O ouro e os sentidos. A ourivaría como símbolo, relacións de identidade, xénero, poder/prestixio. Simbolismos e significados. E cuarto: A ourivería antiga na sociedade actual. Estudos e investigación no campo das relacións interdisciplinarias dende a etnoarqueoloxía, antropoloxía, museoloxía, percepción do ouro nas sociedades antigas e modernas e construción de identidades narrativas arredor da ourivaría.

O Museo Provincial conta coa colección máis importante de ourivaría de toda Galicia, baseada principalmente na colección de Álvaro Gil, declarada BIC no 2015, con pezas datadas entre o terceiro milenio a.C. ata o século VI d.C. Un conxunto de 56 pezas que se exhiben na sala 8 de dito museo, que actualmente está en remodelación museográfica.