Portomarín «exporta» empanadas de anguía

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

A Panadería Piña leva máis de medio século elaborando este prato tradicional, ademais de outras receitas

22 ene 2019 . Actualizado a las 11:58 h.

Portomarín é vila gastronómica: augardente, torta de améndoas, anguías... E empanada de anguías, un prato que non falta nas comidas tradicionais da contorna. A Panadería Piña é a única que elabora en Portomarín este manxar, e as encargas que reciben traspasan fronteiras. É tal a fama destas empanadas, que se poden adquirir previa encarga, que hai épocas do ano en que elaboran 300 empanadas ao día.

A Panadería Piña conta co aval de máis de medio século de experiencia. O matrimonio formado por Manuel Pérez Piña e Manuela Vázquez Vázquez foi o encargado de abrir o negocio en 1966. O seu fillo Alberto Pérez, que entón tiña só tres meses, non tardou en empezar a colaborar co negocio, xunto ao seu irmán: «Eu empecei a repartir con 4 anos», lembra. Ese neno converteuse hoxe en día no xerente do negocio familiar -os seus pais levan unha década xubilados-, no que tamén traballan a súa muller, Margarita Vázquez, e o seu fillo Marco, que leva catro anos traballando na panadería, ademais dunha empregada.

«Esta é unha panadería de pobo, tradicional», destaca Alberto Pérez. Ademais de pan e empanadas -a maiores da de anguía, elaboran tamén doutros ingredientes, como atún, bacallau, zamburiñas...-, hai vinte anos empezaron a facer pastelería, con roscóns, pasteis e tortas como a de améndoas: «Está a torta tipo Santiago, que non temos ningún problema en chamarlle así, e a de Portomarín, que aínda que teñen ingredientes parecidos, son produtos moi diferentes. A de Portomarín ten unha base de hoxaldre e unha masa máis consistente a base de améndoas, fariña e azucre», matiza Pérez.

Porén, o produto estrela desta panadería é a empanada de anguías, materia prima de gran fama en Portomarín, a pesar de que a cantidade de anguías que se capturan nesta vila, sobre todo trala construción do encoro de Belesar, non é suficiente para atender a demanda: «Algunhas anguías mercámolas aquí, pero a maior parte veñen de fóra, de lugares como Francia, Holanda, Dinamarca ou mesmo Sevilla», conta Pérez. Nun ano poden mercar 8.000 quilos de anguía, xa que, sobre todo no verán, as encargas son cuantiosas: «Recibímolas de moi lonxe (A Coruña, Vigo, Oviedo, Avilés...), e veñen aquí buscalas, porque nós non temos reparto fóra da contorna».