Os 20 lucenses de Mauthausen

María L. Sández

LUGO

15 ago 2019 . Actualizado a las 13:49 h.

Opasado venres 9 de agosto publicouse no BOE a listaxe dos 4.427 españois que morreron no campo de concentración de Mauthausen, entre os que se atopan 20 lucenses, que agora poderán ser inscritos como falecidos.

Durante a Segunda Guerra Mundial os españois que se atopaban en Francia foron masivamente deportados a campos de concentración, sobre todo a Mauthausen, inmediatamente marcados como «roxos», pois sabíase que chegaran a Francia fuxindo da Guerra Civil. A miña avoa, con 20 anos, escapou coa súa nai desde o porto do Musel nun barco que levaba republicanos a Francia e alí pasou un ano e medio nun campo de refuxiados. Un irmán máis pequeno, de 14 anos naquela altura, escapou ao chegar e evitou o campo de refuxiados para acabar máis tarde nun campo de concentración. Démolo por morto e só moitos anos máis tarde, xa nos 80, apareceu en Lugo na procura de súa irmá.

Grazas á lei da memoria histórica eu fun quen de localizar os nomes do meu bisavó e dun fillo seu, ambos asasinados no ano 37, na listaxe dos 1.400 da foxa común do monumento á memoria histórica no cemiterio de Ceares, en Xixón. Unhas pouquiñas letras: Ceferino García Gómez, Manuel García Arias.

Este verán estiven en Auschwitz. O que máis me impresionou foron os corredores cheos de fotos, de nomes e datos, desas olladas, todas únicas e diferentes, coas que se enfrontaron á cámara ao chegar ao campo de concentración. Moreas de vidas truncadas interpelándonos desde as paredes. Ao saír, púxenme a ler a Primo Levi.

Cada un deses 4.427 nomes recollidos no BOE agochaba unha vida, unha ollada, unha persoa desprazada e privada de esperanza. Gardalos na memoria é o mínimo que podemos facer. Un acto simple de xustiza e dignidade.