Castelao nos Goya

María López Sández
María Sández TRIBUNA

LUGO

29 ene 2020 . Actualizado a las 08:21 h.

Dicía Oscar Wilde, xusto nas antípodas do que a meirande parte da xente pensa, que a vida imita a arte.

E eu coido que estaba no certo. Esta semana tivo lugar unha das festas colectivas da cultura, a entrega dos premios Goya, nos que houbo unha presenza importante de Galicia. A gañadora do Premio á mellor actriz revelación, Benedicta Sánchez, é natural de San Fiz de Paradela, unha parroquia de pouco máis de cincuenta habitantes a escasos quilómetros de Lugo. E se ela vestiu para a ocasión do deseñador galego Adolfo Domínguez, o seu compañeiro de reparto, Amador Arias, visibilizou especialmente a nosa cultura ao lucir un traxe, obra da deseñadora viguesa Patricia González, no que se deixaba ver, nun efectista xogo bicolor, o autorretrato de Castelao.

Este xesto, que evoca a Andy Warhol convertendo o rostro de Marilyn nunha icona da arte contemporánea, ou as miles de réplicas de Mike Jagger espalladas en diversos soportes da cultura popular, ten toda a forza simbólica e mítica da arte que se inspira na vida.

Mais o feito de que a vida imita a arte ficou máis claro ca nunca esta semana: díganme se non semella parte dunha película a imaxe dese autobús de xubilados que desvalixaron o balneario de Guitiriz; máis propia, quizais, do premiado Almodóvar ca de Oliver Laxe.

E, na dimensión máis tráxica, a dureza desa noticia, revestida de traxedia grega, do octoxenario que matou a súa muller e logo se suicidou nunha parroquia da Pastoriza. Así que, de Oscar Wilde, acabamos chegando a Miss Marple, o entrañable personaxe de Agatha Christie. O noso mundo, coma a pequena vila de St. Mary Mead, é un microcosmos que o contén todo.