
O Arquivo Histórico Provincial divulga exposicións, fondos e contido documental nas redes durante o confinamento
02 may 2020 . Actualizado a las 17:59 h.O Arquivo Histórico Provincial de Lugo, a través do programa «A cultura segue», da Xunta, facilita un percorrido polas súas exposicións e divulga fondos e contidos documentais a través das súas redes durante o confinamento. Fotografías e documentos históricos permítennos abrir unha nova ollada sobre un presente máis novidoso cá nunca.
Os problemas de saúde pública son constantes ao longo da historia, e diso dá boa conta o material do que dispoñen no Arquivo. Baixo o título de «Houbo outras... e saímos delas», explican dende o Arquivo que «os relatos de pestes e andazos parecíannos lonxanos sucesos históricos, propios doutros tempos», ata que chegou a pandemia do covid-19.
Febre amarela en 1804
Pero a historia fala de outros períodos críticos en materia de saúde pública. A modo de exemplo, no Facebook comparten imaxes do Libro de actas e Acordos da Xunta Municipal de Sanidade do Concello de Lugo de comezos do século XIX. Falan as testemuñas documentais de que en 1804 se declarou no sur e leste de España unha epidemia de febre amarela, tan mortífera que obrigou ás autoridades a tomar unha serie de medidas por toda a xeografía española que impedisen a súa propagación: «Para organizar e coordinar as actuacións creáronse Xuntas Municipais de Sanidade que, seguindo as directrices da Xunta Suprema, debían establecer unha serie de precaucións determinadas a evitar calquera posibilidade de contaxio: o establecemento de gardas veciñais en todas as xurisdicións, e especialmente ‘en las de la raya con Castilla’ (sic), encamiñadas a impedir o paso de calquera persoa ou obxecto susceptible de transmitir a enfermidade; a prohibición, baixo pena de morte, de introducir xéneros (críase que os panos e teas eran un medio de transmisión) procedentes de cidades infectadas; o establecemento de lazaretos para soster aos enfermos, vixiar as corentenas e depositar mercadorías incautadas; o intento de impedir a emigración a Castela para a sega dada ‘a crítica situación de fame e enfermidades frecuentes naquel país’...».
Outro dos artigos do Arquivo tamén fala sobre epidemias, compañeiras inseparables de humanidade, aínda que agora o seu efecto multiplícase pola globalización e, pola contra, o sistema sanitario facilita a loita contra elas, matizan.
Brote de peste en 1812
Como exemplo aportan documentos da Xunta Superior de Armamento e Defensa de Galicia, nos que se fala dun brote de peste procedente de Asia en 1812, durante a Guerra da Independencia, e no que se tomaban varias medidas para frear a propagación, tomando precaucións cos barcos que chegaban daqueles portos.
O Arquivo repasa tamén con fotografías e outros documentos episodios clave da historia da provincia, como a Operación Muralla Limpia, a Semana Santa, a figura de Xoán Montes, o obradoiro de instrumentos musicais que centrou as bases do Centrad, ou lugares, como San Xoán de «Recende (A Pontenova), Sociedad Minera de Villaodrid, Granja Ramil de Lugo, a Porta de San Fernando en Lugo, A Proba de Navia de Suarna, Monforte de Lemos, Granja Arjeriz, Sarria, Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón», barrios das Casas Baratas, Montirón e Fingoi ou o Aeródromo de Rozas.

Fotografías antigas
As exposicións son outra das alternativas que propoñen para estes tempos de confinamento, con imaxes e acceso tamén aos catálogos das mostras. Ofrece a posibilidade de visitar de xeito telemático a exposición Pontes, postigos e pasares, na que se atopan imaxes destes elementos estruturais da provincia. Así mesmo, este arquivo permitir coñecer virtualmente a exposición Por feiras e mercados: ver, mercar, vender..., que abrangue cronoloxicamente o período 1914-1984 en imaxes de feiras celebradas en Lugo, no Páramo, en Nadela, no Cebreiro ou en Monterroso. Outra das propostas que ofrece esta dotación cultural da Xunta é a consulta do catálogo en PDF da exposición fotográfica Tempo de infancia, unha compilación de imaxes antigas que amosan os diversos ámbitos da vida cotiá dos máis pequenos noutras décadas.
O acceso a fondos e recursos documentais é outro dos servizos que se presta desde o Arquivo.