Abraham Cupeiro: «Presentarei en setembro o segundo disco, en Bilbao»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Cupeiro, gravando «Pangea» nos estudos de Abbey Road, en Londres
Cupeiro, gravando «Pangea» nos estudos de Abbey Road, en Londres VICTOR FORMOSELLE

O compositor e construtor de instrumentos musicais prepara xa o seu terceiro traballo, centrado na música barroca

20 jun 2020 . Actualizado a las 18:27 h.

O estado de alarma pola pandemia do covid-19 pillou ao músico sarrián Abraham Cupeiro co seu segundo traballo, Pangea -gravado a finais do 2019 nos famosos estudos londinienses de Abbey Road, coa prestixiosa Royal Philharmonic Orchestra-, a piques de saír ao mercado. O confinamento truncou esta posta en marcha e tamén a xira de presentación, aínda que este construtor de instrumentos e compositor, que recupera instrumentos musicais milenarios, non deixou de traballar nestes últimos meses. Coa fin do estado de alarma, Cupeiro retoma proxectos e emprende outros novos.

-Como se presenta este verán?

-Estou moi agradecido porque a xente seguiume chamando para facer concertos, pero anulei todo no verán para centrarme noutras cousas. Así, no mes de setembro, poderei coller isto con máis forza. Presentarei en setembro o segundo disco, en Bilbao, tocando coa Banda de Bilbao. Logo comezarei unha xira por Costa Rica, Canarias, Galicia... Preferín pospoñelo porque, do contrario, habería concertos anulados... sería como facelo a medias e tampouco ía descansar nin desconectar.

-Ten xa terceiro disco en mente?

-Si. O primeiro traballo foi Os sons esquecidos, co que recuperei instrumentos milenarios e músicas populares. Despois veu Pangea, que se centra nas músicas étnicas do mundo. E agora estou traballando no terceiro disco, que estará orientado a músicas barrocas, do século XVIII.

-Que outros proxectos ten en marcha?

-Seguirei cos proxectos didácticos, pero tamén estarei este verán coa presentación da película María Solinha, dirixida por Ignacio Vilar, para a que compuxen a banda sonora. Redondela e Cangas foron os lugares elixidos para as estreas.

«María Solinha» proxectarase o xoves en Sarria

Xoves 25 • 21.30 horas • Praza da Vila • Sarria • A película María Solinha, para a que Abraham Cupeiro compuxo a banda sonora, poderase ver en Sarria este xoves, dentro da programación das festas de San Xoán. O filme, dirixido por Ignacio Vilar e coproducido por Vía Láctea Filmes e Televisión de Galicia, conta coa música de Cupeiro, que empregou os sons dunha corna, unha caracola e un cárnix. Así se fía o discurso sonoro da película, unha revisión contemporánea da lenda de María Soliña, construída arredor da persecución da Inquisición ás mulleres. Está rodado integramente en galego.