Arroxo: «A valoración é máis ca positiva, pasamos de 3.000 votos a 10.000»

Lorena García Calvo
lorena g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Lara Méndez pide abrir un período de reflexión para analizar o sucedido

14 jul 2020 . Actualizado a las 09:38 h.

Máis aló do trunfo sen paliativos que o Partido Popular viviu na cita electoral do domingo, sobresaen os resultados do BNG, que tanto a nivel autonómico como municipal experimentou un importante pulo que insufla ánimos e forza aos nacionalistas.

«No que respecta ao municipio a valoración é máis ca positiva posto que temos que ter en conta que pasamos dos 3.00 votos no 2016 a máis de 10.000, polo tanto, máis do triple que hai catro anos», resumía onte Rubén Arroxo, líder local do BNG e tenente de alcaldesa dende o ano pasado no concello lucense.

«Estamos moi agradecidos a todas as persoas que confiaron no traballo serio e rigoroso que tratamos de facer sempre dende o BNG e que o demostraran este domingo co seu voto», proseguiu o nacionalista, que recoñeceu que a noite non foi redonda para os seus intereses. «Co único que nos quedamos nesa parte máis amarga é que non se puidese derrotar a maioría absoluta do PP e que non poida haber un cambio político liderado polo BNG, algo que nos permitiría facer un traballo serio, rigoroso e sempre poñendo o noso país no centro de todos os obxectivos», declarou.

A lectura que fan tanto en clave municipal como autonómica dende as filas socialistas é ben distinta. «A tendencia foi similar en Lugo e Galicia, creo que como PSOE tiñamos un proxecto e obxectivo que non acadamos. O obxectivo era ser a alternativa de goberno para poder levar a cabo iniciativas que estamos levando nos concellos, como no de Lugo», dixo Lara Méndez, alcaldesa do municipio.

A rexedora entende que é o momento de mirar cara dentro. «Cómpre abrir un período de reflexión, un debate interno no que se analice pormenorizadamente o porqué desta situación», pediu Méndez, que considera que ese exame de conciencia é o paso previo a «reforzarnos para seguir mantendo o noso obxectivo, que é tentar transformar a sociedade na que viviemos, afianzar o estado de benestar e traballar para que os nosos veciños e veciñas vivan nun lugar con oportunidades que non sexa excluinte. Nun lugar no que non quede ninguén atrás, que é o que tentamos facer dende o Concello de Lugo».

A rexedora felicitou aos populares polo seu trunfo a nivel autonómico e aos nacionalistas polo seu crecemento.

Ramón Carballo: «Cando a militancia do PP se moviliza é invencible»

O voceiro municipal do Partido Popular e presidente da xunta local, Ramón Carballo, analizou en clave local os resultados das eleccións autonómicas subliñando que «alcanzamos o 51% dos apoios, aumentando en catro puntos e medio con respecto aos anteriores comicios autonómicos de 2016». A ollos do concelleiro, isto supón que os veciños valoraron «o compromiso de Feijoo con Lugo nestes últimos 11 anos, e tiveron moi en conta á hora de votar que se cumpriu coa palabra dada xa que as grandes obras que ten a cidade nos últimos vinte anos levan o selo do PP». Nesta liña, fixo mención a infraestruturas como o HULA, o Centro Integral de Saúde do barrio da Residencia, o novo auditorio de Magoi, o novo colexio do Sagrado Corazón ou as melloras do Instituto das Mercedes.

No seu repaso ao domingo, Carballo lembrouse da labor feito por afiliados e simpatizantes «que traballaron durante a xornada electoral para que todo transcurrise con normalidade», apuntando que «cando a militancia do PP se moviliza é invencible. Afortunadamente, os intentos de empañar a votación e as chamadas para frear a participación non fixeron efecto», engadiu.

Baixo o prisma do líder popular no concello de Lugo, a cuarta maioría de Feijoo «é moi positiva para afrontar os novos retos económicos e sanitarios que temos por diante». En todo caso, entende que tampouco é un momento de festexos, senón de seguir traballando. «Agora non é momento de celebracións xa que ainda hai moitos lucenses que o están pasando mal, é momento de seguir traballando».

Ramón Carballo declarou a súa «tranquilidade porque ao fronte do goberno de Galicia estará unha persoa que sabe xestionar e que ten un amor inmenso por Galicia».