![O Mago Teto chega á área recreativa da Veiga, en Muras, o domingo 6](https://img.lavdg.com/sc/T1NEBN9pKtBfW75fljaiCWmpuCo=/480x/2020/08/28/00121598608321783887598/Foto/LG29C10F2_115039.jpg)
A Xunta promove actividades culturais en Begonte, Abadín, Muras, A Pontenova, Becerreá, Guitiriz e Láncara
28 ago 2020 . Actualizado a las 13:24 h.Os concellos Guntín, A Pontenova, Abadín, Becerreá, Begonte, Guitiriz, Láncara e Muras acollerán nos vindeiros días unha ducia de propostas culturais da man de Cultura no Camiño+, o ciclo impulsado pola Xunta de Galicia que ata o 15 de outubro celebra a súa oitava edición. Na provincia de Lugo serán 36 os concellos beneficiarios das subvencións para contratar espectáculos profesionais galegos, que inclúen música, circo, maxia e teatro. O programa das próximas actuacións é o seguinte:
Begonte acollerá o domingo 30 o espectáculo de novo circo Máis aló aínda, ás 19.00 horas no Club Fluvial.
Xa no mes de setembro, Muras ten programados tres eventos: a maxia do Mago Teto o día 6 ás 17.00 horas na área recreativa A Veiga; no mesmo emprazamento o día 12 representarase a obra Nabiza Girl ás 19.00; e, por último, o local social acollerá a obra de teatro Rosalía o día 26 ás 17.00 horas.
A Pontenova súmase á programación e a Casa da Cultura ofrecerá a obra de teatro Duncan can de palleiro o día 5 ás 19.00 horas, así como o espectáculo de maxia A volta a Galicia en 313 concellos o día 13 ás 12.00 na praza dos Fornos.
O día 2, Abadín contará coa música de Timparrantela. En Guitiriz representarase a obra teatral O Camiño de Santiago o día 5 ás 19.00 horas, e Láncara tamén gozará coa obra Duncan can de palleiro o día 6 ás 19.00.
![A obra de teatro «Saaabor!» poderá verse en Becerreá o sábado 12](https://img.lavdg.com/sc/WknkVozBjDaajP21Z8LTko-Ml8o=/480x/2020/08/28/00121598608441121884590/Foto/LG29C10F2_115228.jpg)
Por último, Becerreá programou dous eventos: a obra de teatro Saaabor! no campo de fútbol o día 12 ás 17.00 horas e, posteriormente, ás 19.00, na carballeira, o espectáculo Máis aló aínda.
Convocatoria ampliada
As anteriores convocatorias dese ciclo centrábanse exclusivamente nos concellos situados no Camiño de Santiago, pero este ano ábrese a todos os municipios grazas ao incremento en máis do triplo da dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que no 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. Así, ofreceranse arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.
Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes.