Cita para dignificar o cine e o rural galego

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Mamá Cabra clausurará en decembro a Invernada de Cine de Cabreiros
Mamá Cabra clausurará en decembro a Invernada de Cine de Cabreiros Jose Manuel Casal

A VIII Invernada de Cine de Cabreiros comeza o sábado 24 e seguirá ata o 19 de decembro, con filmes, documentais e música

15 oct 2020 . Actualizado a las 11:21 h.

Dignificar, dinamizar e pór en valor o sector audiovisual e a sociedade rural galega é o obxectivo principal da Invernada de Cine de Cabreiros, en Xermade, que este ano chega á súa oitava edición. Comezará o sábado 24 e continuará ata o 19 de decembro, con filmes, documentais e espectáculos musicais. Todo elo na Casa Escola de Cabreiros, ás 18.30 horas.

Nesta ocasión, como consecuencia da pandemia, haberá aforo limitado para poder garantir as medidas sanitarias de seguridade, e para acudir será necesario reservar praza ata unha semana antes de cada unha das proxeccións, chamando aos teléfonos 686 104 780 ou 606 282 251.

O programa da Invernada é o seguinte:

· 24 de outubro, O empalme. Unha historia rural colectiva. Este documental, dun marcado carácter intimista, realiza un percorrido pola historia dun dos barrios de Cabreiros, o barrio do Empalme. Así, pode contemplarse como era o xeito de vida de hai 50 anos dun barrio claramente rural: actividades agrarias, profesións de moitos dos seus veciños, as actividades lúdicas comúns no seu vivir diario ou a relación coa vida laboral e familiar.

· 7 de novembro, O latexo do tempo humano. Documental sobre as comunidades da Idade do Ferro. Este relato nace a partir do estudo das pezas de madeira carbonizadas do Castro de Castromaior, en Portomarín, realizado por María Martín Seijo, investigadora da USC. A visión aportada por Lolo de Severiano, Tito Ledo e Lola Tourón sobre as pezas arqueolóxicas, a madeira e o traballo artesán é unha valiosa aportación á conservación do patrimonio inmaterial.

· 21 de novembro, O que arde, de Oliver Laxe. A aclamada película, Premio Goya, que aborda o problema da desaparición do medio rural e pon Os Ancares no mapa da historia do cine.

· 5 de decembro, O país da Moura. Documental etnográfico onde se aborda o mito galego da Moura. Dáse a coñecer dun xeito ameno e didáctico parte da riqueza mitolóxica galega, ao tempo que se fai un percorrido por diferentes territorios galegos. É unha viaxe a través da xeografía mítica, natural e arqueolóxica de Galicia, dando voz aos antropólogos e aos veciños, depositarios deste legado cultural.

· 19 de decembro, A fraga do meu avó, de Mamá Cabra. Espectáculo musical cheo de carballos, castaños, bidueiros, loureiros e moitas árbores nos que están agochados paxaros e moitas historias. Este traballo para cantar e bailar en familia nace do amor pola natureza e o do compromiso pola terra.

Estrean «Vitalina Varela» e celebran o aniversario de «O que arde»

Os Codex Cinema comezan esta semana unha nova programación cinematográfica, na que destaca a estrea de Vitalina Varela (Portugal, 2019), do recoñecido cineasta contemporáneo Pedro Costa, e tamén a volta ás salas de O que arde, de Oliver Laxe, para celebrar o seu aniversario. A carteleira para os próximos días é a seguinte:

Xoves 15: Akelarre, La isla de las mentiras e Verán do 85

Venres 16: Vitalina Varela, La isla de las mentiras, O que arde e Verán do 85

Sábado 17: O que arde, Akelarre, Vitalina Varela e Las niñas

Domingo 18: O que arde, Vitalina Varela, Verán do 85 e La isla de las mentiras