Alberte Ansede: «É difícil combinar a palabra e a música da poesía coa imaxe e o son»
LUGO

O secretario da Fundación Manuel María presenta o Concurso de Videopoemas sobre Rosalía de Castro e Manuel María
22 ene 2021 . Actualizado a las 12:36 h.A Casa Museo Manuel María, de Outeiro de Rei, convoca a cuarta edición do Concurso de Videopoemas sobre Composicións Poéticas de Rosalía de Castro e do propio Manuel María. Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, estivo esta semana no programa Voces de Lugo, de Radio Voz.
-Un concurso adaptado ás circunstancias actuais, non si?
-A edición anterior tivémola que suspender porque había confinamento total e non había ensino presencial, polo que era difícil que o alumnado puidera traballar. Este ano, como xa nos imos acostumando a esta nova situación e si que hai clases, convocámolo, non tivemos dúbida ningunha.
-Como naceu esta iniciativa?
-Nacía pola necesidade que viamos de ir aproximando a rapazada á poesía, dunha forma diferente; neste caso, á poesía de Rosalía de Castro e Manuel María. Son traballos certamente complicados porque aquí a creatividade artística ten que combinar bastantes elementos: a propia poesía, a palabra, co seu ritmo e a súa música, pero tamén a imaxe e o son. Por tanto, ten a súa dificultade. Pero a verdade é que os resultados están sendo sorprendentes.
-A quen vai dirixido?
-A alumnado de secundaria (a partir de terceiro, incluído), BAC, ensinanzas artísticas e ciclos formativos de centros de toda Galicia, públicos ou privados, a nivel individual ou colectivo. Sen desbotar que ampliemos a convocatoria nos próximos anos aos niveis inferiores, consideramos que para consolidar o certame e ir creando un patrón de participación, preferiamos centralo neste nivel.
-Que valoración fai destas edicións?
-Moi boa. Os traballos premiados difundímolos despois e estanse perfeccionando cada vez máis. Teñamos en conta que é un traballo de pouca duración, pero aí hai que densificar toda unha comunicación arredor do que é un poema, e isto necesita unha comprensión, unha interiorización do propio poema; pero, ao mesmo tempo, unha conxunción doutros elementos artísticos non menos importantes para comunicar ese sentido do poema, como é a música, o propio ritmo do vídeo, a imaxe... Ten a súa complicación.
-E os cativos profundan na obra de dous grandes das nosas letras dun xeito divertido.
-Hai quen o fai dunha forma moi divertida, que parece máis propio dunha idade coma esta, temperá. Pero hai quen tamén lle colle o punto dramático, porque a vida tamén ten caras duras. Así que non desbotemos que este ano haxa tamén interpretacións pandémicas dos propios poemas. A poesía é unha faceta da vida, é unha expresión das distintas vertentes do ser humano. E o ser humano necesita ocio e diversión, pero non é sempre posible. Eu de Rosalía recordo un que era boísimo referido á emigración e era de persoas que teñen vivido isto moi acentuadamente nas súas familias. E expresábano dunha forma extraordinaria.
-Que premios haberá?
-Agora está aberto o prazo da preinscrición ata o 26 de marzo, e o 26 de abril teñen que presentar os traballos . O 15 de maio, previa selección por parte do xurado dos vídeos que resulten finalistas, facemos un acto na Casa Museo, co seu visionado, con visitas á casa, actividades, agasallos... E hai dous premios dunha tablet para os gañadores.
-A situación sanitaria obrigou a aprazar os actos culturais desta tempada...
-Estamos agardando, moi desexosos de que as cousas melloren, primeiro pola saúde, pero tamén porque a vida sen cultura é máis pobre. E nós xa tiñamos todo o programa de actividades deste trimestre, iamos empezar con Xurxo Souto, estabamos entusiasmados e con moita xente anotada e ilusionada, pero decidimos aprazalo.