
O mércores cumpríronse nove anos do pasamento dunha figura do desenvolvemento cultural da Galicia do século XX e que neste 2021 cumpriría cen anos
28 ene 2021 . Actualizado a las 17:26 h.O pasado día 27 de xaneiro cumpríronse nove anos do pasamento do patriarca dos Seivane. Pero este ano non é un ano calquera, xa que se cumpren cen do nacemento de Xosé Manuel Seivane, o 9 de febreiro de 1921 en Fonmiñá, A Pastoriza.
Esta figura, como explican os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel, «converteuse nun dos artesáns de gaita máis recoñecidos de todos os tempos, e iniciador dunha prestixiosa saga de artesáns e músicos, que maxistralmente tomaron o seu relevo: no obradoiro, os seus fillos, orgullosos legatarios da sabedoría do seu pai e impulsores directos da evolución do instrumento; e nos escenarios, a súa neta Susana Seivane, unha das intérpretes de gaita máis célebres a nivel internacional».
En definitiva, toda unha vida dedicada á construción do símbolo musical por excelencia de Galicia.

Un recorrido vital, unha traxectoria e unha obra no que afondou recentemente Xosé Manuel Sánchez Rei, gaiteiro e profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, coa edición do libro «Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (2019, Editorial Canela).
Os fillos do ilustre artesán e músico lucense sinalan que Xosé V. Ferreirós, músico e cofundador do Grupo Milladoiro, no limiar deste libro «expresa perfectamente o que unha figura así significa para Galicia, porque ‘ese proxecto común, que é Galicia, só será posible se todos poñemos o esforzo por salvagardarmos os nosos costumes, crenzas, bailes, músicas, cantigas… Seivane así o creu, facendo da súa paixón unha forma de vivir'».
Ou en palabras do investigador, escritor, catedrático e académico galego, Xesús Ferro Ruibal, «Seivane é un anticipo da Galicia que soñamos».
Os fillos de Xosé Manuel Seivane indican que «nestes tempos tan duros que estamos vivindo fainos máis falta que nunca estes pioneiros e soñadores que sen pretendelo deixaron un mundo mellor co que atoparon».