A Deputación de Lugo abre as inscricións ás actividades medioambientais vencelladas ao ocio saudable

la voz LUGO

LUGO

Centro de interpretación Terras do Miño, no Rato
Centro de interpretación Terras do Miño, no Rato Óscar Cela

Os obradoiros de Terras do Miño son gratuítos e pensandos para o público xeral ou familiar

14 sep 2021 . Actualizado a las 12:40 h.

A Deputación de Lugo pon en marcha, a través do Servizo de Medio Ambiente, unha nova programación que inclúe cinco actividades gratuítas para fomentar o ocio saudable entre os veciños e as veciñas da provincia na contorna da Reserva da Biosfera Terras do Miño, un territorio xestionado pola propia institución provincial. Estas propostas levaranse a cabo dende o este xoves, 16 de setembro, ata finais de ano e están pensadas para o público en xeral ou para o familiar.

As actividades levaranse a cabo, principalmente, no Centro de Interpretación Terras do Miño e as persoas interesadas xa poden inscribirse a través da páxina web da institución provincial http://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais. A primeira proposta será unha conferencia sobre os Macrofungos no noso medio, destinada a adultos. No mes de setembro tamén se levarán a cabo as actividades Cores de outono e a Interpretación dos fungos no medio ambiente do 20 ao 24 de setembro e o 25 de setembro, respectivamente.

En outubro, do 18 ao 22, levarase a cabo O balcón comestible: horticultura en macetas. Novembro será o mes onde se leven a cabo a meirande parte das actividades, cun curso completo sobre O reino fungi na natureza, con parte teórica e práctica, ou a Iniciación e boas prácticas medioambientais na produción de mel, que se levará a cabo do 15 ao 26 en horario de mañá.

As actividades continuarán o 20 de novembro coa Práctica de recoñecemento de macromicetos e un Obradoiro de Cestaría, do 29 de novembro ao 3 de decembro. O programa remata con dous talleres enfocados á tapicería, do 13 ao 17 de decembro, e á ecoloxía no Nadal, do 27 ao 30 de decembro.

As iniciativas, debido ás actuais restricións sanitarias, contan cun número de prazas reducido e os interesados e interesadas en participar deberán inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas poden recibir máis información na web da institución provincial, no teléfono 982.305.930 ou no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org.