A arte noutra escala

María L. Sández

LUGO

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O mural de Diego As que reproduce, nunha parede morta da Rolda da Muralla, a Xulio César, foi escollido pola plataforma de arte urbana Street Art Cities coma o mellor grafiti do mundo.

Xa salientamos aquí, en varias ocasións, as intervencións do primo de Banksy na cidade; mais a obra de Diego As, pola súa magnitude, visibilidade e, claro está, polo premio recibido, consolida o papel de referencia da cidade de Lugo neste ámbito.

Máis alá das súas cualidades pictóricas e do seu efecto certamente impactante cando se circula, a pé ou en coche, pola Rolda da Muralla, está o feito de que a súa paleta de negros e grises xoga coas propias manchas de humidade da parede, facendo que iso que é de seu tan feo (e tan propio do país) se convirta nunha virtude.

A arte non sempre aspira á perfección, senón tamén a crear beleza a partir das imperfeccións da realidade, porque, como soubo ver Umberto Eco na súa Historia da beleza, beleza e fealdade van da man na creación artística e por iso el mesmo pechou o círculo con Historia da fealdade.

A arte urbana xoga, tamén, cos contrarios da caducidade e a permanencia, da grandeza e a humildade e malia que, en realidade, tamén o David de Miguel Ángel está condenado a desaparecer, a diferenza de magnitude da escala temporal fai que moitas veces sintamos a arte como algo perdurable no tempo.

Cando se pinta sobre unha parede de tixolo, nunha superficie morta da cidade, a conciencia do carácter evanescente de todo o humano faise inevitablemente punxente. E aí a beleza doe máis.

E tamén aí é onde forma e contido se atopan: porque a propia figura rexia de Xulio César se ergue cunha abraiante vivacidade fronte ao noso coñecemento da súa morte tráxica e violenta e os dous mil anos transcorridos. Memoria que se ergue, pois, para facer cidade.