
O Salón Internacional do Cabalo reúne en Lugo a case 250 exemplares
07 oct 2021 . Actualizado a las 11:02 h.Entre os días 8 e 10, e do 15 ao 17 de outubro • Pazo de Feiras e Congresos de Lugo •
A feira Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, volve esta fin de semana consolidado coma o salón ecuestre de referencia no sector no noroeste de España. Tralo concurso morfolóxico do cabalo de pura raza árabe que se celebrou os días 2 e 3, regresa entre o 8 e o 10 co XIV Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Española no Pazo de Feiras. Este domingo tamén terá lugar a Copa Galega de Enganche Federado e a Exhibición de Cabalo de Pura Raza Galega. A maiores, entre o 15 e o 17 terá lugar o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos.
Equigal recibirá preto de 250 exemplares durante as tres fins de semana de duración, superando os números habituais de participantes. Dende a organización tamén destacan a participación de 25 cabalos de Lugo en competición durante a xornada de salto.
Desde a organización explican que aínda que Galicia é unha comunidade de recente tradición nos cabalos de pura raza, «xa é notoria a presenza do mesmo a través de importantes ganderías. Nos últimos anos, Galicia destaca por ser unha das comunidades españolas que máis incrementou o número de exemplares de esta raza nas súas ganderías. En concreto, o incremento da cabana galega multiplicouse por tres nos últimos anos. De aí o interese por albergar un salón dedicado a esta raza de cabalos. (...) Equigal, asegura ano tras ano un éxito de participación e público, superando nos últimas anos os 16.000 visitantes», engaden.