Muras quere contar turistas?

M. M. Rey

LUGO

O edificio do Concello de Muras
O edificio do Concello de Muras PALACIOS

14 oct 2021 . Actualizado a las 12:57 h.

O sector turístico a nivel nacional, autonómico e comarcal recupérase. Por exemplo, na Mariña con cifras moi similares ás do 2019, antes da pandemia, pero noutros lugares superáronse con amplitude.

Podería ser caso do Concello de Muras, onde repiten procesos de selección para contratar o seu primeiro técnico de turismo. Para participar piden, entre outros requisitos, algunha titulación de Turismo e demostrar experiencia nese posto ou formación vinculada a el. Despois chega a fase de oposición. Primeiro, cun exame tipo test sobre o temario da convocatoria, que é eliminatorio. Non consta como eliminatorio o segundo, unha proba práctica sobre a tarefa a desenvolver.

Ata o de agora só se presentaron mulleres ás convocatorias. A praza segue deserta porque para os examinadores ningunha das aspirantes foi quen de superar a parte práctica, malia ser profesionais con experiencia nese posto noutros concellos, como poden ser Viveiro, Foz ou Vilalba. Se sorprende que en Muras non lles sirva ese persoal cualificado, o máis rechamante é a proba práctica.

Aí van algunhas das cuestións que no Concello de Muras consideran imprescindibles para que o técnico municipal de turismo atenda visitantes. Quen aspire a ese posto debe saber «calcular o prezo relativo dunha entrada de fútbol en relación a unha entrada de teatro». Outra das preguntas é «se a redución dos salarios no sector turístico afectaría a un aumento ou descenso da oferta ou da demanda turística». E hai máis, como a que esixe coñecer «en que balance se engloban os gastos dos turistas xaponeses en España».

Certo que en Turismo se estuda Economía, pero non como especialidade da carreira. Quen teña experiencia como técnico de turismo sabe que nada do que pide quen prepara esa proba práctica en Muras serve para atender visitantes ou deseñar actividades que axuden a atraelos.

Atención, economistas, acaban de convocar outra vez a praza! A ver se desta vai e o Concello de Muras atopa o que busca, non sei se un técnico de turismo ou un contador de turistas. O contrato é de 9 meses, a xornada parcial .