Inesperada e sorpresivamente marchou Paco Pestana. A vida das cidades está, como a das persoas, ateigada de perdas. A súa historia é unha sucesión de xeracións, de persoas que pasan e as transitan e que, ás veces, deixan sobre elas a súa pegada. Na memoria de Lugo permanece a impronta de Fole, de Piñeiro, de Cunqueiro, de Celestino Fernández de la Vega; mais hai tamén outros personaxes, como Paco Pestana, que non cabe dúbida de que tamén deixaron un sinal ao seu paso. Nunha entrevista neste diario, Pestana falaba da súa nenez rebelde, da súa actitude irreverente e subversiva. De que os nenos, mentres non deixan de selo, levan a arte dentro e que facerse artista foi a compensación por deixar atrás a infancia. Tamén afirmaba sentirse eterno. Paco Pestana, o máis icónico dos artistas lucenses, unha presenza recoñecible, construída coa mesma sensibilidade e irreverencia que manifestaba na súa arte.
As súas raíces en Castroverde e a súa querenza polo mundo do campo plásmanse nas súas obras. Eu fico coa madeira policromada dunha árbore que se ergue, coas súas pólas espidas pero enchidas de cor e coa idea de que a arte se fai con materia viva, afundida nas raíces do que somos. Co seu característico ton provocador, Pestana cualificaba a nosa sociedade de absurda e pouco seria. Mais, pola contra, unha árbore polícroma ten algo da inocencia infantil, afastada do escepticismo e o desencanto. Nese tipo de tensións reside a arte: capaz de facernos mirar ata a morte e a despedida coa conciencia de que mesmo aí hai unha forma de beleza, de que todo, no seu fugaz paso, merece a pena. Moito me gustaría que nesa árbore aniñasen os paxaros. El dicía que cada vez quería asemellarse máis aos animais e á natureza. Estou segura de que lle compracería e sería unha fermosa homenaxe a un dos nosos artistas, que hoxe toca despedir.