As zanfonas históricas de Galicia, a golpe de clic

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Luciano Pérez, responsable do arquivo dixital, e Efrén Castro, deputado de Artesanía
Luciano Pérez, responsable do arquivo dixital, e Efrén Castro, deputado de Artesanía CEDIDA

A Deputación de Lugo pon en marcha un catálogo interactivo en liña sobre 25 instrumentos de entre os séculos XVIII e XX

29 ene 2022 . Actualizado a las 17:08 h.

A Vicepresidencia da Deputación pon a disposición de investigadores, mestres artesáns e músicos o Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza. O arquivo dixital facilita o acceso interactivo a información sobre 25 instrumentos datados entre os séculos XVIII e XX e conservados por museos, institucións, colectivos culturais e coleccionistas privados: Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (Centrad), Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Galego, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Massó de Bueu, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Fundación Santamarina Temes de Ourense, Escola de Artes e Oficios de Vigo, Coro Galego Cántigas da Terra, Real Coro Toxos e Froles, familia Santalices Muñiz (Pontevedra) e familia Fuciños Gómez (Melide).

O catálogo conta cunha galería de imaxes, un visor de 360 graos interactivo, arquivos métricos en formato jpg e dwg de cada un dos instrumentos e documentación sobre a súa procedencia e historia organolóxica. O arquivo, dispoñible en cultura.deputacionlugo.gal/centrad, recolle parte do traballo desenvolvido e exposto no I Encontro Celme de Zanfona, organizado pola Vicepresidencia da Deputación en setembro.

Segundo expón o director da Colección de Instrumentos Musicais, Obxectos Sonoros e Arquivo Documental do Centrad e responsable deste arquivo dixital, Luciano Pérez, «o catálogo ofrece a posibilidade de tomar algunhas medidas básicas sen necesidade de acceder directamente aos intrumentos, evitando así o inevitable deterioro». Ademais, incide, «este formato permite actualizar os contidos cada vez que teñamos informacións relevantes».

Pola súa banda, o deputado de Artesanía, Efrén Castro, sinala que «con este catálogo documentamos o coñecemento xerado e compartido no Encontro e ofrecemos unha ferramenta útil para a investigación e a formación arredor deste instrumento milenario, avanzando no obxectivo de proxectar Lugo e o Centrad nun espazo de referencia a nivel europeo». Fai fincapé na necesidade de «aproveitar e reivindicar a traxectoria investigadora e formativa que se desenvolveu arredor do Obradoiro de Instrumentos e o nivel de excelencia acadado por músicos e mestres artesáns das comarcas de Lugo.

Cinco das zanfonas incluídas no Catálogo forman parte da colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros, exposta de forma permanente no Centrad. Ademais das visitas presenciais, a colección conta cun espazo na web onde se ofrecen visitas virtuais e un arquivo documental con material descargable.

Historia

En Galicia, a zanfona está intimamente ligada ao obradoiro-escola de instrumentos musicais, creado na Deputación en 1951 por iniciativa de Antonio Fernández. Os seus primeiros directores, Faustino Santalices e Paulino Pérez, foron os artífices da súa recuperación, na que tamén tivo un papel destacado o musicólogo Fernando López Acuña.

Nesa traxectoria destacan a construción das primeiras zanfonas en dúas tonalidades diferenciadas, na etapa de transición, 1975-1978, da man de Antón Corral e Jesús e Luciano Pérez; os primeiros cursos de construción e interpretación, de acceso gratuíto, coa participación de mestres internacionais como Claude Flagel, Christian Rault, Laurent Tixert ou Valentín Clastrier; a posta en marcha, no 1983, da Escola de gaitas e zanfonas, no propio contorno do Pazo de San Marcos; reconstrucións históricas como o organistro medieval, as cinfonías das Cantigas de Alfonso X, a zanfona-órgano e copias de modelos tradicionais únicos e Innovacións como o sistema de roda desmontable ou o deseño dun novo modelo evolucionado, no ano 1997, co fin de impulsar e popularizar o seu uso e que significou un importante impulso favorecendo a creación de escolas para a aprendizaxe.