A provincia festexa as artes gráficas

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Charla de Alberto Guitián o ano pasado no programa «IlustrarNÓS»
Charla de Alberto Guitián o ano pasado no programa «IlustrarNÓS» CEDIDA

Talleres, charlas e intervencións artísticas darán vida ao programa «IlustrarNÓS»

01 feb 2022 . Actualizado a las 12:26 h.

As artes gráficas centran o novo programa «IlustrarNÓS», que organiza a Vicepresidencia da Deputación. Tomando como referencia a figura de Reimundo Patiño, pintor e pioneiro da Banda Deseñada galega e a quen se lle dedica este ano o Día da Ilustración en Galicia, propoñen máis dunha vintena de obradoiros, charlas e intervencións artísticas en centros educativos, ademais dun certame escolar.

O obxectivo é ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadoras e creadores, e fomentar a creatividade.

Os centros de ensino están a recibir información sobre o programa, con indicacións para solicitar a organización dalgunha estas actividades.

Obradoiros e charlas

Para os centros de primaria proponse o obradoiro «Os Nosos (Ilustres) Instrumentos», que liga ilustración e música, a cargo da ilustradora Laura Romero e do músico Juan A. Álvarez. Para secundaria, ofrécese un obradoiro co autor de banda deseñada, historietista e ilustrador Kiko da Silva.

Ademais, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón acollerá unha charla a cargo do ilustrador Alberto Guitián, que afondará en cuestións relativas ao exercicio profesional (protección e xestión dos dereitos de autor no mercado global ou defensa fronte plaxios ou prácticas especulativas).

Intervencións artísticas

Pintaranse oito murais en instalacións e recintos educativos, realizados por Iago Eireos e Iván Mouronte, con deseños alusivos a Reimundo Patiño. Ademais, o ilustrador Kiko da Silva realizará unha exhibición na Praza de Marcos.

II Certame de Ilustración IlustrarNÓS

Certame dirixido a fomentar a creatividade e as artes gráficas nos centros de ensino e aberto a alumnado de primaria, secundaria, BAC e ciclos formativos.