![Ana Goy pronunciou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes](https://img.lavdg.com/sc/_h37_cUsVLQvqAIGhAthSHMv8RM=/480x/2022/05/28/00121653751441985226751/Foto/L28Y2010.jpg)
Reivindicou a incorporación da muller á institución e disertou sobre a dimensión patrimonial da Ribeira Sacra no seu acto de investidura
28 may 2022 . Actualizado a las 17:31 h.A catedrática de Historia da Arte Ana Goy Diz pronunciou este sábado o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega de Belas Artes como académica numeraria formando parte da sección de Expertos nas artes. Na súa intervención, a estudosa reivindicou a presenza da muller na institución e fixo un repaso á «Ribeira Sacra: a construción dunha paisaxe cultural».
O acto, celebrado na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, estivo presidido polo presidente da Real Academia, Manuel Quintana Martelo, que tivo palabras de recoñecemento para Goy ao destacar que «esta academia sinte que a súa voz e o seu traballo serán de grande importancia no noso futuro académico». Deste xeito, Quintana Martelo deu a benvida a unha experta que xa no 2015 fora elixida académica correspondente polos seus méritos no desenvolvemento da súa actividade profesional.
Na súa quenda de intervención, Goy dixo sentir unha «enorme honra» por sumarse á prestixiosa institución e agradeceu a Antonio Rodríguez Colmenero, membro numerario da sección de Arqueoloxía e museoloxía, a súa colaboración tanto no plano profesional como no humano. Tamén agradeceu o apoio prestado dende a Facultade de Humanidades e subliñou a tarefa que realiza a Real Academia Galega de Belas Artes en múltiples facetas.
Neste senso, Goy reivindicou a aposta que a entidade está a facer por incorporar á muller á institución, dando entrada por primeira vez no ano 2021 a tres mulleres entre os seis académicos electos, un «fito histórico que defende a paridade na vida pública por primeira vez na súa historia».
Continuando con iso, Goy lembrou que dende a fundación da institución, hai 173 anos, tan só dez mulleres a precederon como académicas de número, fronte aos 178 homes que ostentaron o posto. María Carmen Corredoyra (1938-1970), Lolita Díaz Baliño (1938-1966), María do Vilar Mateo de Arenaza (1973-2010), María Luisa Rodríguez Nache (1976-1986), María Mercedes Goica Fernández, a primeira presidenta e actualmente presidenta de honra (1986-), María Victoria Carballo-Calero Ramos (1995-), María del Socorro Ortega Romero (2005-2011), Asunta Rodríguez Rodríguez (2015-), Soledad Penalta Lorenzo (2018-) e Menchu Lamas Pérez (2018-) abriron un camiño polo que agora transitan Goy e outras dúas académicas novas, Mónica Alonso e Pamen Pereira.
A Ribeira Sacra
O discurso de ingreso de Ana Goy na academia versou sobre a dimensión patrimonial da Ribeira Sacra, unha paisaxe cultural viva que evolucionou organicamente ata constituír, dixo, un exemplo excepcional da relación home-natureza enlazada co modo de vida tradicional. Na súa disertación, abordou os valores naturais, culturais e intanxibles, e tamén os aspectos xeomorfolóxico cultural e de construción do territorio dun espazo que aspira a ser patrimonio mundial.