A Casa-Museo Manuel María celebra unha nova edición do Convivio da Cultura Galega

PAULA ÁLVAREZ / M. G LUGO / LA VOZ

LUGO

Foto doutras edicións do encontro na Casa-Museo Manuel María.
ALBERTO LÓPEZ

O acto, que terá lugar en Outeiro de Rei, convida a toda a comunidade galega a participar nesta foliada ao redor da figura do poeta chairego Manuel María

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) celebra unha nova edición do Convivio da Cultura Galega o vindeiro nove de xullo no seu lugar de realización habitual, a Carballeira de Santa Isabel en Outeiro de Rei.

Tanto a Casa-Museo Manuel María coma a Federación Galiza Cultura, entidade colaboradora, convidan a toda a comunidade galega e grupos culturais a participar nesta romaría e foliada ao redor da figura de Manuel María co obxectivo de festexar a cultura de Galicia e recoñecer o traballo de base que levan a cabo as diferentes asociacións culturais.

O encontro lúdico dará comezo a partir das 11.30 horas coa acollida dos asistentes diante do museo ao son da música de Birloque Gaiteiros. Despois, a idea é saír cara o cemiterio parroquial de Outeiro de Rei, onde se fará unha homenaxe e ofrenda ao poeta chairego. E, a partir dese momento, o programa é o seguinte:

12.30. Actuación, en Santa Isabel, da banda de música Sons e Soños de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, dirixida por Armando Morales e acompañada pola voz de Uxía.

13.45. Xantar de convivio.

16.45. Foliada na Carballeira de Santa Isabel coa actuación de Parabéns, Xurxo Souto e Richi Casás, Tradivivas Agra, Birloque Gaiteiros, Airinhos do Fiouco e Foliadeir@s do Castro. En todo momento a festa está guiada por Xurxo Souto.