Un millón de euros para investir nos 29 concellos das reservas de Lugo

LA VOZ LUGO

LUGO

Pallozas de Piornedo, en Os Ancares
Pallozas de Piornedo, en Os Ancares ALBERTO LÓPEZ

A Deputación de Lugo captou os cartos dos fondos europeos e definiu os proxectos

20 sep 2022 . Actualizado a las 19:02 h.

A Deputación de Lugo logrou captar un millón de euros de fondos europeos para investir nos 29 concellos da provincia que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. A institución provincial conseguiu a totalidade do orzamento solicitado, co que acometerá 27 medidas, xa definidas, para impulsar o desenvolvemento social e económico sostible destes territorios protexidos pola UNESCO. O recursos proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado.

terras do miño

610.000 euros. En concreto, a Deputación recibirá máis de 610.000 € para investir entre este ano e o 2023 en distintas actuacións na Reserva da Biosfera Terras do Miño, da que forman parte numerosos concellos. Neste caso, os proxectos para os que a institución provincial solicitou os fondos europeos céntranse na conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais con melloras e a eliminación de especies invasoras. Os recursos irán destinados a melloras na contorna da Lagoa de Caque, das Ínsusas do Miño, dos Ollos de Begonte e tamén en diferentes tramos dos ríos. Tamén se inclúe o deseño e execución dun proxecto museolóxico e museográfico no Mazo de Santa Comba, ademais da reparación dos solos e muros, cun orzamento aproximado de 90.000 €.

os ancares

430.000 euros. En canto á Reserva da Biosfera dos Ancares, a Deputación percibirá preto de 430.000 € para desenvolver iniciativas que afectarán aos tres concellos que forman parte deste espazo: Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá. Entre as actuacións que impulsará a institución, destaca a mellora do teitado das pallozas do Piornedo, en Cervantes, con palla de centeo, á que a institución provincial destinará 91.000 €. Tamén desenvolverá un proxecto de mellora dos soutos dos Ancares, co que dará continuidade ao programa de recuperación e posta en valor de plantacións de castaños da Reserva. Serán máis de 200.000 € para desenvolver traballos nos montes comunais de Vilaver, Donís e Moreira, en Cervantes, e de Vilor, en Navia de Suarna. Ademais, daranse os pasos necesarios para acadar a certificación Starlight para o territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares. Está contemplada ademais a mellora da sinalización de patrimonio cultural e recursos turísticos, como a Vía Romana XIX, o Castro de Santa María, en Becerreá, ou as Mámoas de Oural, Pena dos Mouros ou de Restelo, entre outros.

formación

Campus de emprendemento. Entre os proxectos que a Deputación de Lugo levará a cabo grazas a esta convocatoria de fondos europeos destaca tamén un campus de emprendemento sostible para centros educativos e campus en aberto nas dúas Reservas da Biosfera coa finalidade de coñecer estes espazos naturais xestionados pola institución provincial.