Cultura compartida

LUGO

21 sep 2022 . Actualizado a las 07:32 h.

Este mércores Lugo énchese de cinema. No marco da Semana de Cine, o Vello Cárcere, a Biblioteca Provincial, a Deputación e o auditorio Gustavo Freire acollen proxeccións, case todas de balde, que abranguen xéneros e épocas diversos, desde o cinema clásico ata musicais recentes. Imos poder ver (ou volver ver), na grande pantalla, un filme inesquecible, O acoirazado Potemkin, que case cen anos despois segue interpelándonos, poñendo o foco no sufrimento e a fraxilidade humana perante a guerra. Tamén clásica é As damas do bosque de Bolonia, coa que se homenaxea a María Casares, da que o 21 de novembro se celebrará o centenario do nacemento na Coruña. E, fronte a estas creacións históricas, un musical de 2021 de Rodrigo Cortés, O amor no seu lugar, que afonda tamén nos sufrimentos da guerra e no poder consolador da arte; ou unha fita arraigada na nosa historia e territorio, Julia, coa que Jacobo Lagüela homenaxea á súa avoa e a todas as nosas mulleres do rural.

A actividade cultural dota de vida as cidades, xera espazos de encontro, conversa e intercambio. Esa lareira que era para nós un espazo mítico, na que se xuntaban os veciños para encheren de historias as noites do inverno, ten continuidade urbana nos espazos de encontro cultural. Vermos un filme coma acto compartido ten unha dimensión que soborda o consumo solitario na casa. A Semana de Cine constrúe a cidade, porque a cultura compartida permite que esta non sexa o que Hernán Neira describía en A urbe como espazo infeliz, o lugar no que nos amoreamos por falta de espazo.