Unha xornalista lucense gaña o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Brenda Mondelo gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón cun poemario titulado  Neve
Brenda Mondelo gañou o premio Eusebio Lorenzo Baleirón cun poemario titulado Neve CEDIDA

Nacida en Pedrafita, Brenda Mondelo criouse entre O Courel e Lugo e publicou o seu primeiro poemario hai só uns meses

21 nov 2022 . Actualizado a las 12:10 h.

A lucense Brenda Mondelo é a gañadora da edición deste ano do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón cunha obra titulada Neve. Convocado polo Concello de Dodro, o certame cumpre 35 anos neste 2022. O xurado valorou na obra premiada «a orixinalidade do tema proposto, así como do seu tratamento» mediante «unha aposta non exenta de risco na busca de poetizar a narratividade.

Brenda Mondelo é o nome co que asina as súas obras Brenda González Fernández, unha xornalista de 27 anos. Nacida na aldea do Seixo, en Pedrafita do Cebreiro, estudou ata os 6 anos no colexio Poeta Uxío Novoneyra, no veciño municipio de Folgoso do Courel. Aos 6 anos marchou canda os seus avós a Lugo, cidade na que seguiu os seus estudos ata que rematou o bacharelato. Con 17 anos, trasladouse a Madrid para estudar alí xornalismo e ciencias políticas.

Brenda Mondelo acaba de publicar o seu primeiro libro de poemas (O espello de Celia, Medulia Editorial, 2022), pero na súa traxectoria conta xa con dous premios literairos, o dos certames de poesía Xoán Díaz e (Re)inventando a Xela Arias, organizados polo Concello de Cambre. O premio Lorenzo Baleirón valeralle a esta autora para ver axiña publicado tamén Neve. A organización do certame anuncia que este poemario estará nas librerías xa no 2023.

O xurado que elixiu Neve como gañador do premio Eusebio Lorenzo Baleirón está formado polas poetas Inmaculada López Silva, Emma Pedreira e Rebeca Baceiredo. O segundo título de Branda Mondelo foi un dos 51 libros de poemas presentados este ano ao concurso.

Este premio literario foi posto en marcha no seu día polo Concello de Dodro co obxectivo de honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón, nacido neste municipio da comarca do Sar. E tamén co de contribuír, segundo explican os portavoces municipais, á promoción da poesía galega.

O acto oficial de entrega deste 35 premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón terá lugar o 10 decembro no colexio de Dodro.