
No MIHL preséntase un novo número de «Xistral», revista que fundou Manuel María
13 dic 2022 . Actualizado a las 21:58 h.A pegada de Manuel María (1929-2004) nótase hoxe en Lugo. A revista Xistral, creada por el e por Manuel Antonio Sopena en 1949, chega ao número 24, e a presentación ten lugar este mércores na cidade luguesa (MIHL, 19.30 horas). O volume inclúe achegas de 72 poetas, ademais de fotos de Xosé Manuel Otero e de Xosé Reigosa, nas súas 142 páxinas. Na revista chegaron a colaborar autores coma Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel ou Aquilino glesia Alvariño.
A primeira etapa rematou con só dous números saídos do prelo. Porén, no 2000 comezou unha nova etapa, á que o poeta de Outeiro de Rei lle deu o visto bo e na que mesmo colaborou, pois escribiu un texto para o número tres. Así rexurdía esta voz da literatura galega.
Dende o 2017, a coordinación da revista está nas mans de Toño Núñez, que colleu o relevo de Camilo Gómez Torres. Este, que exerceu a docencia no IES Lucus Augusti, mantivo a publicación e deulle unhas características singulares que recoñecen os actuais responsables.
O consello de redacción está formado polos escritores Marica Campo, Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer e pola concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro.
Ademais da literatura, no Centro Cultural O Vello Cárcere desenvólvense hoxe dous obradoiros pensados para a xente nova, «A toda cor» (17.30 e 18.30 horas) e «Pequeviñetistas» (19 horas).