Avida en xaque, o título deste artigo, está tomado dun podcast de oito episodios sobre o mundo do xadrez de Leontxo García. Estes días estase a celebrar, precisamente, un importante torneo do circuíto mundial. Mentres boa parte da poboación permanece enteiramente allea a este acontecemento, os seareiros deste deporte seguen, a través das retransmisións de internet, o Tata Steel Masters.
Na miña infancia só había dúas canles de televisión (logo tres, con RTVG), mais hoxe contamos cunha ampla oferta de medios que permite unha escolla de contidos máis individualizada. A ninguén se lle escapa que non é o mesmo ser afeccionado de fútbol que de xadrez; pero, neste novo mundo, fragmentado e caleidoscópico, temos a posibilidade de acceder, en directo, a comentaristas en youtube, a programas de radio como El rincón del ajedrez ou a podcast como A vida en xaque, de Leontxo García, un dos veteranos en xeración de contidos sobre este xogo intelectual que transforma simbolicamente a guerra.
E deberiamos achegarnos a eles. Porque a vida está sempre en xaque, exposta á violencia social e xeopolítica, á enfermidade e mesmo ao cansazo de vivir. E, de súpeto, transformar este complexo mundo noso nunha cadrícula de 8x8 permítenos, malia toda a súa complexidade e sutileza, pugnar, cando menos, por comprendelo. Porque no mundo que se estende fóra do taboleiro acontecen cousas incomprensibles, ás veces á nosa beira, e nalgunha delas tamén o tema de ser muller xoga un papel. Que llo pregunten a esa nena de Baleira. A ver se o Leontxo atopa algunha clave que nos axude, desde ese microcosmos bicolor, a comprender un pouco do que acontece no noso mundo.