José Tomé fixo entrega das parcelas 25 novos adxudicatarios
11 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto coa Alcaldesa, Lara Méndez, e o deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, fixo entrega de 25 novos hortos urbanos que a institución ten no Paseo do Rato. Tomé agradeceu aos novos usuarios que se sumen «a este proxecto tan interesante que temos en marcha na Deputación, contribuíndo ao obxectivo para o que está pensado: que a veciñanza, entidades e centros de ensino lle saquen partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e o coidado do medio ambiente».
«Agora mesmo temos practicamente todos os hortos ocupados, polo que é unha satisfacción ver o ben que funciona esta iniciativa e o moito que a gocen os veciños e as veciñas», indicou.
«Trátase dun proxecto que forma parte da ampla acción que impulsamos dende a Deputación
para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, como fórmula para favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a riqueza natural», sinalou Tomé.
A Deputación conta con 150 hotos no Paseo do Rato, tras a remodelación integral destes terreos públicos. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos.
Pola súa parte, Lara Méndez, destacou que «este proxecto vai da man coas políticas municipais que estamos a impulsar, cunha estratexia verde de cidade moi clara, fomentando entre outras accións, o uso responsable e sostible dos espazos públicos e potenciando hábitos saudables entre os cidadáns». Lembrou que o Concello tamén ten á disposición da cidadanía hortos urbanos no Parque dos Paxariños, e que se crearán, coa estratexia LIFE, 12.600 metros cadrados de novos espazos verdes na Garaballa.