Olga Louzao, candidata de Ciudadanos á alcaldía: «Lugo vive nunha guerra de partidos e nós podemos ser o árbitro»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Olga Louzao volverá presentarse ás eleccións municipais liderando Ciudadanos
Olga Louzao volverá presentarse ás eleccións municipais liderando Ciudadanos ALBERTO LÓPEZ

A política considera que neste mandato a cidade non saíu do estancamento

16 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Olga Louzao (Lugo, 1979) é tan vehemente como clara falando. Volverá concorrer ás eleccións á alcaldía da cidade amurallada liderando Ciudadanos e a pesar de que as enquisas non lles dan representación, non perde nin a esperanza nin a ilusión. «Estou convencida de que teremos representación, se non, non me presentaría. Vexo que somos necesarios. Nós non vivimos disto, pero se non estamos nós, que temos? 20 anos máis do mesmo? Se está nas nosas mans conseguir un cambio e facer cousas sensatas, estarei tremendamente orgullosa».

—Quedan pouco máis de cen días para esgotar o mandato. Que nota lle pon?

—Un catro, foi moi decepcionarte. Os catro anos anteriores, caóticos e nos que non se fixo nada, pensamos que serviran de lección e que este ía ser un goberno máis centrado en sacar temas atascados, pero non. Rubén, que estaba con nós na oposición, tiña unha oportunidade de ouro para sacar adiante decisións importantes e ao final seguimos falando do mesmo que no 2015. Non foi capaz de facer ben nin o autobús.

—Que proxectos atascados son os máis sangrantes?

—O auditorio, o Garañón, o PXOM, a Fábrica da Luz... moitos proxectos anunciados, pero nin o bus funciona. Seguimos falando dos problemas do barrio da Milagrosa, do Carme... Lugo segue mal conectado. Os partidos grandes tiveron a posibilidade de cambiar as cousas e non o fixeron, cando hai que sentarse nunha mesa e coordinarse para sacar adiante Lugo, non o fan. Non temos os políticos gobernando que nos merecemos.

—Neste tempo falouse moito do carril bici.

—Se ti vives Lugo sabes que a poboación da Residencia é envellecida e non vai coller a bicicleta para ir ao médico ou a facer recados. O carril bici necesita unha revisión, pero non só o carril, senón a cidade, unha visión de conxunto, saber que zonas son prioritarias. Levamos 20 anos falando do PXOM, do Pepri... sempre falamos do mesmo con parches e con medidas improvisadas que non van nunha estratexia definida.

—Cre que se está gobernando a parches?

—Si. Unha das zonas máis bonitas de Lugo é o barrio do Carme e ten un problema que non se vai arranxar poñendo unha praza e botando cemento, ten un problema urbanístico que non vai permitir o seu desenvolvemento, pero a pregunta é: que queremos que sexa O Carme? Levamos 20 anos para aprobar un PXOM que non vale xa e non se estuda como queremos o seguinte.

—Vostede que faría no Carme?

—O PXOM non permite actuar nesa zona e queremos que o barrio recupere a súa esencia. Levamos tanto tempo perdido... Son proxectos que levarán moito tempo, pero é que a min non me vale arranxar unha praza. Hai que iniciar o traballo dun novo PXOM.

—O 5 % pendente do PXOM non se rematará neste mandato, parece.

—Non, porque esa é outra guerra. Lugo ten a desgraza de estar sumido nunha guerra e agora mesmo ninguén no PSOE, no PP, nin Rubén Arroxo, que podería marcar outra dinámica, lidera todo isto. Non aportan solucións, nin consenso, que é o que necesita a cidade. Aquí parece que sentarse a debater é imposible, cando todo o mundo ten responsabilidades. A actitude ten que cambiar e ten que existir un árbitro que centre todo isto, e nós somos ese árbitro.

—Realmente, cren que a cidade ten un problema de inseguridade?

—Cando falas coas persoas que viven na Milagrosa a situación é dramática, escoitar aos veciños é moi doloroso porque pasan por situacións tan problemáticas de convivencia na súa casa e séntense desprotexidos e coa sensación de que ninguén o escoita... Require moita empatía e non tirar balóns fóra. A solución é máis presenza policial, instalar cámaras de seguridade nas zonas con problemas, porque non só pasa na Milagrosa, tamén noutras. O problema deste bigoberno é que non escoita nin quere escoitar

—Como se posicionan respecto da Ronda Leste?

—O proxecto que no seu momento presentou a Xunta tiña un impacto ambiental brutal e propuxemos que se revise, porque ademais ten 20 anos. O que pasa é que en Lugo estamos tan necesitados de investimentos, porque somos a cidade máis esquecida, que cando chega o Rei Midas e nos enche de millóns, aplaudimos. Necesitamos infraestruturas, pero non pode ir en contra de coidar o noso patrimonio natural ou histórico. Modificar pode ser máis custoso, pero imos aforrar a cambio de cargarnos o entorno?

—Fábrica da Luz, peonalizacións, zona de baixas emisións... Que opinión lle merecen estes proxectos?

—Cando coñeces a situación real da cidade, dáste conta de que hai un orzamento de 100 millóns que está moi condicionado polo persoal e os servizos, gastos que tes que afrontar. O que queda para investir é moi pequeno. A balanza está moi desequilibrada e non podemos seguir endebedándonos, así que cando acudimos a fondos europeos ou a financiamento exterior temos que saber para que acudimos. Se seguimos enrocándonos en pedir financiamento para infraestruturas ou equipamentos que imos ter que seguir mantendo, isto non vai dar. Falamos das caldas, o centro interxeracional, o Impulso Verde, a cafetería da Fábrica da Luz... Como se vai manter isto se somos incapaces de xerar ingresos. Se tardamos un ano en que alguén teña unha licenza de apertura, impedimos que pague as taxas e que xere emprego... é insostible. Non podemos seguir pensando en investimentos que de media poden custar 300.000 euros de mantemento se non xeramos riqueza.

—Cal é a súa receita para reequilibrar?

—Hai que analizar o gasto discrecional que ten o Concello e traballar na xeración de oportunidades. Temos que saber cales son as nosas prioridades. Eu creo que antes de falar dun barrio multiecolóxico, temos o Feijoo ou A Milagrosa caéndose. A miña máxima prioridade sería un plan de rehabilitación para a cidade porque iso modifica a imaxe e canto mellor imaxe e máis revitalizada, máis efecto chamada, favoreces novas actividades comerciais, novas empresas, que haxa vida nos barrios... Lugo ten moitas posibilidades pero hai que coñecer a cidade e crer nas súas potencialidades.

—As enquisas non lles dan representación no vindeiro mandato.

—Nós nunca nos movemos por enquisas porque nunca nos deron bos resultados, pero estamos moi satisfeitos co traballo feito estes oito anos. O que hai xa o coñecemos e non se conseguiu avanzar nada, porque cada un está movido polo seu propio interese. O PP é un partido de «yo lo hago todo bien y los demás todo mal», o PSOE e o BNG son dous gobernos nun, un absurdo da política que eles mesmos o amosan. O que aporta Ciudadanos é que ten palabra, é coherente e sempre dirá a verdade no que se refire a Lugo. Lugo necesita alguén que centre o debate.