Nicole Grueira, candidata á alcaldía de Pol aos 21 anos: «Nunca me sentín desprezada por ser unha rapaza nova»

André Siso Zapata
ANDRÉ S. ZAPATA LUGO / LA VOZ

LUGO

Nicole Grueira, presidenta de la gestora del PP de Pol y candidata en esa localidad es la primera cabeza de lista nacida en el siglo XXI.
Nicole Grueira, presidenta de la gestora del PP de Pol y candidata en esa localidad es la primera cabeza de lista nacida en el siglo XXI. XOAN A. SOLER

A estudante de Ciencias Políticas é a alcaldable de menor idade de Galicia e deu un discurso moi aplaudido este sábado en Santiago

27 feb 2023 . Actualizado a las 13:37 h.

A candidata máis nova do PPdeG de cara ás próximas eleccións municipais chega pisando con forza. Onte, presentouse ante o gran público con un aplaudido discurso no acto do partido en Santiago, pero Nicole Grueira (Pol, 2001), non pensa conformarse con iso. A primeira candidata do PP galego nacida no século XXI estuda o grao de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela e compaxina os seus estudos coa súa responsabilidade no partido. Foi presidenta da xestora creada en Pol cando o anterior candidato dimitiu como concelleiro e, desde entón, non houbo freo. Agora, encara a campaña electoral con máis ilusión que ninguén.

—Foi protagonista no acto do partido. Como se sentiu?

—Xa podo dicir que tiven un estreo en público diante de 4.000 persoas [ri]. Estaba moi nerviosa, pero saíu todo xenial. Recibín un montón de mostras de apoio e de cariño. Estou moi contenta.

—Cando soubeches que ías dar un discurso?

—Hai uns días xa me avisaron. O feito de ser a candidata máis nova seguro que influíu para que me escolleran, pero eu quédome con que puiden representar a Pol, a Lugo e a Galicia diante de tanta xente.

—Como chega unha rapaza de 21 anos a ser candidata ao seu Concello?

—Empecei na política grazas a un membro do PP de Meira que, hai uns anos, invitoume a un acto ao que ía vir Elena Candia, a presidenta provincial do PP. Vin como a xente lle contaba os seus problemas e decidín que eu tamén quería facer iso.

«Se son alcaldesa, a miña prioridade será crear un polígono industrial en Pol»

—Precisamente, Candia é agora candidata á alcaldía de Lugo.

—E será alcaldesa!

—Que trato tivo con ela?

—Axudoume moito na miña carreira. Sempre estivo pendente de min todos estes anos. É unha persoa de 10, moi atenta e cariñosa. Non lle atopo un defecto. E unha política marabillosa, que vive para axudar á xente. Non sei de onde saca o tempo para facer tantas cousas!

—Vostede tampouco perdeu o tempo.

—O certo é que está pasando todo moi rapidamente, non o sei explicar. Collín a xestora hai menos dun ano, pero non sabía que ía ser candidata. Iso xurdiu despois... E vinme con ánimo e forza.

—Algunha vez sentiu que a desprezasen por ser unha muller nova en política?

—Non. Nunca me sentín menosprezada por ninguén polo feito de ser muller ou por ser nova. Penso que non é un impedimento para nada. Porque sexa unha rapaza non quere dicir que non sexa válida. Como dixen no discurso, teño uns principios moi sólidos e non vou a renunciar a defendelos.

—Que propostas ten para Pol?

—É certo que aínda é pronto para falar diso. En campaña seremos máis concretos, pero hai varias cousas que queremos mellorar e que fan que Pol sexa un Concello difícil, onde hai moitos problemas. O que si podo dicir e que, se son alcaldesa, a miña prioridade será crear un polígono industrial en Pol, porque é vital ter chan empresarial no municipio, aínda que sexa pequeno, para que poida crecer.

—Como valora a xestión do alcalde, Lino Rodríguez?

—Non quero facer política sucia, así que prefiro non entrar niso. Só direi que Pol está nun momento no que precisa un cambio. A xente quere cousas tan básicas como o arranxo das estradas, das pistas municipais ou a falta de promoción de emprego, algo que agora non existe.

—A que aspira na política?

—Polo momento, só penso en Pol e nos seus veciños.

—É unha política con personalidade ou de partido?

—Quen me coñece sabe que teño moita personalidade, pero débome ao partido por enriba de todo.