As mulleres protagonizan un día tinguido de violeta en Lugo

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

LUGO

Concentración del 8M en Lugo en 2022.
Concentración del 8M en Lugo en 2022. ALBERTO LÓPEZ

A provinicia de Lugo prepara diversas manifestacións, coloquios, premios e proxeccións con motivo do Día
da Muller

08 mar 2023 . Actualizado a las 11:20 h.

Lugo prepara unha xornada cargada de actividades para celebrar o Día Internacional da Muller con manifestacións, coloquios e espectáculos de carácter feminista por toda a provincia.

Manifestación 8M en Lugo

A Plataforma Feminista de Lugo prepara unha mobilización que partirá dende o edificio da Xunta ás 20.00 horas, continuando pola Ronda da Muralla, a Rúa Teatro, e, unha vez en Santo Domingo, baixarán pola Armañá, seguindo por Conde Pallares e desembocando na Praza de Santa María, onde se levará a cabo a lectura do manifesto. Este ano encargaranse de dar o discurso a bióloga Cintia Folgueira Cobos e a profesora da USC de Lugo Montserrat Valcárcel. As principais reividicacións das feministas de Lugo céntranse en reclamar uns servizos públicos feministas e xustiza social.

Asimesmo, o Foro Feminista de Lugo, que aboga pola abolición do xénero, estarán fronte á Praza do Concello ás 20.30 horas.

Premios Entre Mulleres-XX Aniversario

Blanca García Montenegro, Tonina Gay, Bibí Bouza, Isabel Fernández, Celia Neira e Ana Rosa Rodríguez, seis mulleres que son referentes nos ámbitos da comunicación, social, cultural, deportivo e universitario en Lugo, recibirán os premios «Entre Mulleres», que entregará este mércores no MIHL a alcaldesa, Lara Méndez.

Coloquio «A muller na I+D+i»

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC celebrará este mércores, a partir das 10.00 horas, no salón de acto, a sesión «A muller na I+D+i», con distintas mulleres implicadas en ámbitos da investigación que contribúen á innovación e que, a través das súas intervencións,transmitirán ao estudantado as súas respectivas visións respecto das facetas e dos cometidos que desenvolve a muller no marco da ciencia.

Exposición «Narracións gráficas»

O MIHL inaugura este mércores ás 10.00 horas a exposición Mulleres rurais, organizada pola Asociación de Mulleres de Benade e que é froito dun proxecto realizado tras ser seleccionadas para realizar un taller no Museo Thyssen.

Manifestación 8M en Guitiriz

Igualdade Guitiriz e o Concello de Guitiriz organizan este mércores unha manifestación polo Día da Muller a partir das 19.00 horas no Campo da Feira.

Manifestación 8M en Palas de Rei

Palas de Rei tamén se une ás mobilizacións polo 8M cunha manifestación «Pola igualdade real, nin máis nin menos!» a partir das 10.30 horas con saída dende a Praza do Concello ata a Praza da Ulloa. Tamén participarán o CEIP Plurilingüe de Palas e o IES Do Camiño. Ademais, o Concello tamén organiza un certame de tarxetas, formado polo alumnado dos centros escolares de Palas, Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, Guntín e Friol. Asimesmo, o centro comarcal da Ulloa en Palas proxectará o documental «Emprender en feminino» ás 13.00 horas da tarde.

Manifestación 8M en Vilalba

Os colectivos feministas da Terra Chá, xunto co Concello de Vilalba, preparan para este mércores unha xornada feminista cun encontro de mulleres na Casa da Cultura de Vilalba ás 18.00 horas baixo o nome «Un momento para nós». Seguidamente, haberá unha concentración na Praza da Constitución do Concello a partir das 20.00 horas, onde se celebrará a representación teatral «Clara Vitoria».

Proxección polo Día da Muller en Outeiro de Rei

O Concello de Outeiro de Rei presenta este mércores na Casa da Cultura ás 17.00 horas o vídeo «Mulleres que inspiran-As que abriron camiño» para dar o recoñecemento ás mulleres do municipio.

Curtametraxe en Meira

O Concello de Meira proxectará este mércores a curtametraxe «Postre» e «Making of», seguido dun coloquio no centro sociocultural Federico González ás 11.00. Despois, cara as 13.00, representarase unha obra teatral.