Calidoscopio

LUGO

27 jun 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

Aló polo 2008 recibín unha chamada para convidarme a participar como conferenciante nun curso sobre paisaxe. Roxelio Pérez Moreira lera en La Voz de Galicia unha entrevista que me fixeran con motivo da publicación do ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio e considerara axeitado que eu falase daquilo do que trataba o libro no marco do curso de verán que el mesmo organizaba. Naquela primeira edición, a sede escollida foi Monforte e a experiencia ficou ben gravada na miña memoria. En anos posteriores, volvín participar neste curso e sempre sentín a calidez dun público especial, conformado, en boa medida, por persoas do cuarto ciclo, o cal é, de seu, o garante dunha personalidade con curiosidade e degoiro por aprender. Agora o curso chega á súa XV edición.

A paisaxe exerce unha evidente atracción sobre nós. Desde a literatura, a pintura, a fotografía ou a arquitectura, múltiples disciplinas conflúen nesa ollada estetizante e gorentosa sobre o mundo que nos rodea. Nesta edición, o curso vaise denominar Poética da paisaxe e, aínda que, sen dúbida, iso introduce unha perspectiva literaria, non exclúe outros puntos de vista, porque a paisaxe é, en si mesma, poética, e poéticas son, tamén, as suxestións da fotografía ou a pintura na que a natureza é o motivo e mesmo no cinema a paisaxe introduce decote unha suspensión simbólica, un elemento poético.

Un ano máis, a Universidade emprega os cursos de verán para espallar temas, foros de encontro e conferencias pola xeografía galega. Guitiriz, coa súa ruta da auga, o seu recentemente reaberto balneario e a súa paisaxe do Lugo de interior (moito mellor conservada cá doutras zonas da xeografía galega) é un escenario idóneo para acoller este novo encontro arredor da paisaxe nun tempo no que comezamos a comprender, en toda a súa magnitude, a súa febleza e a súa continxencia