Lonxe de Galicia, en Basilea, na mesma cidade na que nacera en 1944, faleceu, o pasado 6 de setembro, Dorothé Schubarth. Esta morte, acaecida en Suíza, podería semellar insignificante para nós, mais ocorre todo o contrario. É moito o que lle debemos a Dorothé Schubarth, unha débeda semellante á que nos liga ao filólogo italiano Giuseppe Tavani, que dedicou parte da súa vida ao estudo da nosa lírica medieval, ou á fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, que, coa súa cámara, captou a beleza dunha Galicia que hoxe xa só podemos recuperar a través da súa ollada.
Dorothé Schubarth é autora, xunto a Antón Santamarina, do Cancioneiro Popular Galego. Achegouse á nosa tradición musical desde a súa formación como musicóloga e compositora e deitou sobre a nosa cultura unha análise chea de respecto, de valoración e de agarimo. O seu percorrido polo noso territorio e a súa procura das raíces da música popular a finais dos 70 e comezos dos 80 deixounos como legado o máis importante repertorio da nosa música popular, que non só compilou e gravou, senón que tamén estudou, clasificou e interpretou.
Coma tantos estudosos e investigadoras de eidos moi diversos, soubo achegarse á nosa realidade sen prexuízos e, ao facelo, sorprendeu aos que desde aquí desprezaban o propio. Ás veces, a ollada do outro ten unha enorme capacidade para favorecer a autoestima. O que ía ser unha pequena estadía vacacional converteuse nun continuo regreso durante anos; agasallounos coa súa incansable enerxía investigadora e preservou, para o futuro, un tesouro que, pola súa propia natureza, corría o risco de perderse. Temos unha débeda inmensa con ela. Dorothé Schubarth deixounos; mais grazas a ela o Cancioneiro Popular Galego seguirá connosco para sempre.