A semana pasada celebrouse en Lubbock (Texas) o IV Simposio Norteamericano de Estudos Galegos. Xuntáronse, alí, unha chea de especialistas en diversos eidos da nosa cultura, chegados desde os Estados Unidos, mais tamén desde Galicia, Dublín ou Varsovia. Unha delas era Kathleen March, recentemente ingresada como académica de honra na Real Academia Galega, que viaxou desde Maine
Ver agromar o interese pola nosa lingua tan lonxe de Galicia, entre xentes que a falan con outro acento, foi unha experiencia fascinante. Puidemos asistir á proxección de O que arde, Matria e Nación e os participantes debateron con Oliver Laxe, con Margarita Ledo Andión e con Álvaro Gago sobre as emocións dos seus respectivos filmes e sobre o novo cinema galego e o estado e o rumbo do noso audiovisual. Desde New York, conectou connosco Cristina Pato, falando do que implica moverse na linde de dúas culturas e da moi especial creatividade que xorde nas marxes.
O simposio pechouse cunha visita ao Canón de Palo Duro. Nesa paisaxe tan distinta da nosa, impresionante á súa maneira, viviuse unha despedida especialmente cálida, coa promesa de que en dous anos haberá un novo reencontro dos Estudos Galegos en América. A anfitrioa, neta dun mestre republicano represaliado e asentada nos EEUU, agasallounos con inmenso coidado e agarimo, poida que sentindo aquilo que dixo Castelao a Otero Pedrayo cando o abrazou en América: que abrazalo a el era como abrazar a Galicia. Cómpre coidarmos estes vínculos e estes puntos de luz, espallados pola xeografía do mundo, nos que o galego e Galicia se fan máis grandes. Eu sei que gardarei sempre a lembranza destes días, a calidez de Dosinda, de Arturo, de Nuria, de Carmen e de Danny, o aniversario de kathleen, a alegría de Katherine e as ideas das novas xeracións, de Gisella e María. O coro todo de voces arredor da lareira común que nos uniu alén o océano.