
Xa choveu dende o 17 de setembro de 1997 no que arrancou un novo plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para Lugo. Houbo que esperar case trece anos para unha primeira aprobación en abril de 2011, e doce anos máis tarde aínda seguimos esperando pola súa aprobación definitiva co coñecido 5 % pendente do PXOM.
Pode que algúns veciños pensen que isto do 5 % do PXOM non vai con eles, con todo, contar cunha regulación clara do planeamento é fundamental para o desenvolvemento dunha cidade. O 5 % do PXOM ademais de desesperar a algúns veciños que levan vinte anos esperando para construír a casa dos seus soños, tamén afecta ao desenrolo e consolidación de proxectos empresariais que crean riqueza e postos de traballo, así como a posibles inversións no municipio; ai a importancia que ten que o PXOM se aprobe na súa totalidade para favorecer o avance económico e social da cidade.
Ao longo de todos estes anos o PXOM serviu como argumento e xustificación entre os distintos partidos políticos para a confrontación e para votarse a culpa mutuamente uns contra outros dos múltiples atrancos e vicisitudes a que se ven sometendo esta tramitación. Xa é hora de mirar cara o futuro con único obxectivo, con independencia do cor da porta da administración participante, que non pode ser outro que aprobar o 5 % de PXOM a maior brevidade posible.
E para acadalo hai que sentarse, escoitar e dialogar. E para facelo dun xeito rápido e eficaz debería ser nunha mesa de traballo na que participan as tres administración que están involucradas: a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Lugo, representadas tanto por políticos como persoal técnico, e tamén non estaría demais, que o equipo redactor participase na mesa para coñecer dun xeito directo as modificacións que son precisas acometer, trátase de pequenos desaxustes de carácter técnico solventables, polo que é de esperar que estean resoltas en breve.
Non é tempo de liortas políticas polo 5 % do PXOM. Debe ser tempo de cordura, diálogo e de antepoñer o interese dunha cidade por encima doutros intereses. E moito menos de enlodar máis a situación coa “xudicialización” do asunto, pois iso supoñería un atraso de varios anos que Lugo non se pode permitir.
Miguel Couto Alonso. Enxeñeiro Industrial