O Castro de Amarante e a Torre de Caldaloba abren unha nova guía sobre fortificacións de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Torre de Caldaloba
Torre de Caldaloba ALBERTO LÓPEZ

A axenda dá pulo ao lugares menos coñecidos, con fotografías e textos de máis de vinte construcións

27 ene 2024 . Actualizado a las 19:38 h.

O Castro de Amarante, en Antas de Ulla, e a Torre de Caldaloba (Castelo de Vilaxoán), en Cospeito, abren unha nova publicación sobre fortificacións lucenses que vén de editar a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Trátase dunha axenda para o ano 2024 que pretende darlle pulo ás construcións menos coñecidas da provincia.

En total, recollen imaxes e información sobre 24 construcións, con fotografías de Begoña Pérez, Iván Mouronte, Brais Lorenzo e Ángel Ramil, acompañadas de textos de Alexandra Cabana Outeiro. Ademais, inclúe un álbum fotográfico e un apartado de notas nas páxinas finais.

Fortaleza no Castro de Amarante
Fortaleza no Castro de Amarante ALBERTO LÓPEZ

Listado de torres

Ademais de Amarante e Caldaloba (da que a Vicepresidencia é titular dunha parte dos terreos nos que se localiza, tras apoiar unha iniciativa popular para recuperala), aparecen tamén recollidas as seguintes fortificacións lucenses: Candaira, no Saviñao; o Castro de Candaz, en Chantada; Castro de Ouro, en Alfoz; Castroverde; Doiras, en Cervantes; Pambre, en Palas de Rei; A Pobra de Burón, na Fonsagrada; Sarria; Torres Novais, en Quiroga; Xiá, Friol e Miraz, en Friol; Tovar, en Lourenzá; Ferreira, en Pantón; Quindous, en Cervantes; Taboada; Torés, nas Nogais; Sobrada de Aguiar e Taboi, en Outeiro de Rei; Castelo dos Condes de Lemos, en Monforte de Lemos; Torre dos Andrade, en Vilalba; A Proba, en Navia de Suarna; e Doncos, nas Nogais.

Almanaque sobre Asorey

Por outra banda, o servizo provincial editou tamén un almanaque para o ano 2024, que está protagonizado polo traballo dun dos renovadores da arte galega, Francisco Asorey. Unha homenaxe que se suma ao recoñecemento que a Academia Galega de Belas Artes realiza ao artista, coincidindo co Día da Arte Galega.

En total, son unha ducia de imaxes dedicadas ao seu traballo, que deixou unha gran pegada na provincia, con representacións coma o monumento homenaxe ao alcalde Ángel López Pérez ou ao Padre Feijóo, a ofrenda a San Ramón ou o San Francisco de Asis, entre outros.