Xesús Alonso Montero en Lugo: quince anos de ouro para a cultura galega

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Xesús Alonso Montero, dando unha conferencia en Lugo nos anos setenta.
Xesús Alonso Montero, dando unha conferencia en Lugo nos anos setenta. PEINÓ

O profesor será homenaxeado en abril no IES Lucus Augusti, onde deu clase a moitas xeracións

11 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Alonso Montero naceu en Vigo (1928), onde reside agora. Porén, houbo na súa vida outros lugares que teñen influído nel: o Ribeiro, onde pasou a nenez, ou Madrid, onde estudou a carreira de Filosofía e Letras, pero tamén Lugo. Na cidade amurallada foi profesor no IES Lucus Augusti (daquela Instituto Masculino) e na Facultade de Formación de Profesorado (daquela Escola de Maxisterio).

Foron quince anos (1960-1975) de ampla actividade, tanto na docencia de Lingua e Literatura Española coma na crítica literaria. Tamén foron moitos os seus alumnos: se o profesor se foi convertendo, naqueles tempos, nunha figura relevante da cultura galega, algúns dos rapaces de entón (Claudio Rodríguez Fer, Darío Xoán Cabana ou Xesús Rábade Paredes) acadarían importancia na literatura galega, ben na creación literaria, ben na crítica e na tradución. Outros tiveron o apoio de Xesús Alonso Montero nos comezos como escritores: o primeiro libro de Fiz Vergara Vilariño, «Pra vós» (1971), publicouse cun limiar do profesor.

Eses anos lucenses serán lembrados o 19 de abril, nunha homenaxe que organiza o seu instituto. Ás doce do mediodía haberá unha recepción; ás doce e media, un encontro no salón de actos, e ás dúas e media da tarde, un xantar no Hotel Méndez Núñez. O 5 de abril é o derradeiro día para inscribirse no xantar.

O labor de Alonso Montero foi amplo e chegou máis aló do ámbito docente. Libros e artigos publicados e conferencias pronunciadas reflectiron ese labor intelectual. En 1963, por exemplo, saiu do prelo «Textos literarios sobre Lugo y su provincia», que contén, seleccionados por el, textos de autores variados —de Unamuno a Trapero Pardo pasando por Rosalía de Castro, Dámaso Alonso ou Álvaro Cunqueiro—.

Por outra banda, vivir en Lugo axudou ao seu achegamento a autores dos que foi un mellores estudosos: por exemplo, nos anos sesenta viaxou algunha vez a Mondoñedo na procura de datos sobre o poeta Manuel Leiras Pulpeiro, de quen prepararía unha edición das obras completas.

 

Daquela faltaban anos, que traerían cambios políticos, para que Galicia tivese unha Lei de Normalización Lingüística (aprobouse en 1983), pero a súa preocupación polo galego semelleba abondo clara. Así, en decembro de 1967 anunciaba, nunha entrevista de Rafael Vilaseca neste xornal, que preparaba unha enquisa lingüística sobre o idioma, apoiada en tres piares (eufemismos, socioloxía e áreas léxicas). Ese mesmo ano, en Lugo rendeuse homenaxe a Eduardo Pondal nos cincuenta anos da súa morte, e o programa contou con cadansúa intervención de Xesús Alonso Montero e dun xove profesor e poeta lucense, Arcadio López Casanova.

O porvir do idioma

O maio de 1968 non só pode ser lembrado polas protestas de estudantes universitarios en París. O Día das Letras Galegas dese ano, dedicado a López Cuevillas, pode ser salientado tamén polo volume «O porvir da lingua galega», que saiu do prelo da Editorial Celta co patrocinio do Círculo das Artes e no que, ademais de Alonso Montero, colaboran Valentín Paz Andrade, Ricardo Carvalho Calero, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Epifanio Ramos, catedrático de Francés no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (daquela Instituto Feminino). En 1973 publica unha das súas obra máis coñecidas, «Informe —dramático— sobre la lengua gallega».

O seu maxisterio mesmo chegou a Canadá. En 1976 participou en Toronto dentro dun ciclo de conferencias sobre España 1936-1976. Outras viaxes daqueles tamén tempos non o afastaron tanto de Lugo nin tiveron unha razón tan agradable. En marzo de 1975 abriuse contra el un expediente que rematou co seu traslado a Montilla (Córdoba). As sancións a profesores non eran unha sorpresa daquela, e pola mesma situación pasou tamén, por exemplo, Francisco Rodíguez, que anos despois sería deputado do BNG no Congreso.

A medida xerou unha ampla corrente de apoio en toda Galicia, e coincidiu cunha homenaxe que se lle rendeu en Lugo: en abril de 1975 organizouse unha cea para celebrar os seus quince anos de profesor na cidade. Contra o expediente presentou recurso e en marzo de 1976 puido volver a Lugo. Ese foi o seu derradeiro curso na cidade, pois solicitou o traslado a Vigo, que conseguiu. Despois foi catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e ingresou na Real Academia Galega, que chegou a presidir dende o 2013 ata o 2017. O seu labor como ensaísta e conferenciante seguiu a ser amplo, e a súa relación con Lugo, intensa.