Denantes mortas

LUGO

02 jul 2024 . Actualizado a las 19:27 h.

Todos os avances teñen un prezo e a creba do modelo patriarcal déixanos sentir ese custo con enorme dureza estes días. Ana Orantes, pioneira en denunciar de xeito público o maltrato, pagouno morrendo queimada, coma as bruxas da época da inquisición. Os que acusan ao feminismo do incremento de asasinatos non se trabucan: tamén a abolición da escravitude custou vidas, tamén a independencia dos territorios colonizados produciu guerras... Mais esta constatación non debe levarnos, sen máis, á resignación; cómpre pormos os medios posibles para que o avance cara a unha sociedade igualitaria non deixe un ronsel de vítimas ao seu paso. É necesario un compromiso colectivo e quizais, tamén, algo que non nos gusta como sociedade: escoitarmos aos verdugos, coñecermos o que pensan e como xustifican os seus actos, porque descifrar os patróns de pensamento que levan ao crime é a clave para erradicar o problema.

Hai unha cantidade arrepiante de mulleres e nenos mortos nun espazo de moi poucos días. As manifestacións de repulsa visibilizan o problema e xeran unha actitude comprometida; mais hai que ir á base e á raíz e analizar a percepción e o pensamento da xente nova, afondar nos estudos de caso, establecer patróns, facer unha triaxe axeitada do risco e tomar as medidas de protección necesarias. En último termo, cómpre mudarmos as relacións e a sociedade. Pero os procesos de cambio implican reaxustes dolorosos. Nada é máis difícil de trocar que as mentalidades. Podemos mudar a lei en relativamente pouco tempo; mais a inercia dos imaxinarios é teimuda. Seguimos vendo antes un home ou unha muller ca unha persoa; posiblemente catalogamos a alguén racialmente antes de pensarmos en termos de individuo ou comunidade. Cando sobre todas as identidades específicas prime a común do ser humano, cando o feito de ser home ou muller non determine as nosas expectativas, as nosas actitudes e o noso trato, as cousas serán diferentes.

Mentres, seguiremos a vivir semanas como a última, tinguidas de sangue, sabendo que, en grande medida, as vítimas están dando forma humana ao dito de Castelao, que, traído ao caso, viría sendo «denantes mortas ca escravas».