Sobredose

Xulio Xiz

LUGO

12 ago 2024 . Actualizado a las 18:57 h.

Hai vinteoito séculos que nas olimpíadas rexía un pacto temporal de paz (ekecheiria), e días antes e despois, máis os do singular acontecemento deportivo, non se podía loitar nos ámbitos daquel mundo civilizado do que tanto temos que seguir aprendendo. O Comité Olímpico en 1992 e a ONU en 1993 pediron aos Estados membros o respecto desta paz olímpica.

O exemplo máis ostensible de que o espírito olímpico non chega moi lonxe está en Israel co ataque da mañá do sábado, día sacro naquelas latitudes, onde o sangue, os berros e as bágoas resoaron máis alto, máis lonxe e máis forte ca nunca.

Sendo crente do «mens sana in corpore sano», coido que coas Olimpíadas os organismos e medios públicos estiveron facilitando mensaxes que teñen que ver máis co «panen e circenses», que coa exaltación do esforzo, o traballo e o cultivo do corpo para mellor abrir os ollos ao que nos rodea.

Hai un nacional nacionalismo de pandeireta que aflora en base a xestos rubialescos que basean os triunfos en órganos impropios; que fai envolverse na bandeira aos que a bandeira nada lles di, con motivos que non teñen que ver co rectángulo vermello e amarelo que a outros efectos lles estorba; que cando falan da Selección falan de «la Roja» con disociación intencionada dunha bicor que lles resulta molesta.

Coas Olimpiadas pasoume coma coas bafaradas deste verán que, cando acaba a calor e chove un pouco, tonifican corpo e espírito. Agora que acabou o aluvión deportivo-nacional, e os medios oficiais non teñen máis remedio ca mirar pola casa, podemos respirar aliviados pensando en volver á vida normal, dentro do que cabe.