Pedir un desexo

LUGO

13 ago 2024 . Actualizado a las 19:04 h.

Agosto é o mes de verán por antonomasia; mais, en certo sentido, tamén aquel que anuncia a súa fin. Hai un algo de epigonal nesta etapa que se fai sentir o día das bágoas de San Lourenzo, cando ollamos o ceo para vermos unha estrela fugaz e pedirmos un desexo, que ben podería ser vivir outros moitos veráns e ver outras moitas estrelas. Culmina o estío o día 15, o de máis festas na nosa xeografía, e inicia a súa recta final, esa na que xa sentimos que as noites chegan antes e comezan a refrescar.

Setembro traerá un novo comezo, o cheiro dos lapis e os cadernos dun novo curso; mais agosto é, na súa fin, pura saudade. Os seus últimos días arrastran o ronsel do verán que remata e, mentres o ollamos hipnotizados, resistímonos a abandonar o barco. Por iso, seguramente, se escribiron tantas historias e relatos sobre o acontecido nun verán: a vivencia dun primeiro amor, fermoso e fugaz como as Perseidas; ou o remate da infancia revelado, de súpeto, nun acontecemento singular, ás veces marcado pola violencia, porque todo abandono do paraíso é violento.

Non sei como será para as novas xeracións. Para a do tardofranquismo e os primeiros anos da transición, os veráns foron inmensos e, se algo nos fai sentir esa aceleración e vertixe na que se nos converte a vida a medida que envellecemos, é o contraste entre os veráns fuxidíos, evanescentes e minúsculos da madurez e os veráns inmensos e inesquecibles que albergamos na memoria da infancia. Aquela impresión dos sentidos, aberta aínda a tantas primeiras sensacións e descubertas; aquelas lecturas delongadas do verán no que limos Vinte mil leguas de viaxe submariña e no que devoramos aínda outro bo feixe de libros. Cada verán que remata evoca o carácter cíclico do universo : ollarmos o mar de Ardora ou contemplar as Perseidas, exprimirmos agosto, lémbranos a beleza fuxidía da propia vida.