De mortes e legados

LUGO

Ramón Piñeiro, en 1990 en Santiago de Compostela
Ramón Piñeiro, en 1990 en Santiago de Compostela TINO VIZ

27 ago 2024 . Actualizado a las 21:14 h.

Un 27 de agosto de 1990 morreu Ramón Piñeiro. Marchou no verán, do mesmo xeito discreto no que viviu. Agora que este final de agosto as novas se enchen de conmoción pola morte, sempre impactante, dunha persoa nova moi coñecida no mundo do corazón, é un bo intre para lembrarmos esoutras mortes discretas que deixaron un notable legado.

Piñeiro foi unha figura clave do Lugo e da Galicia da posguerra, un dos eixos centrais na xeración dos 50, director da editorial Galaxia e impulsor da revista Grial. Apostou por unha loita cultural para manter o facho do galeguismo aceso nunha Galicia sometida ao franquismo e, mais alá dos distintos xeitos de entender como debería levarse a cabo a loita, non cabe dúbida do seu indubidable compromiso coa nosa lingua. Escritor primoroso, non traballou para deixar unha pegada literaria que consagrase o seu nome, senón para promover o talento dos outros e para impulsar que empregasen o galego. Sen el, a nosa literatura tería perdido moito do que de bo e perdurable se escribiu naqueles anos necesitados, máis ca nunca, da palabra.

Un dos esbirros da censura franquista dixo del que tiña «faltas de ortografía na pluma e na alma». Esta frase non precisa comentarios. Só hai que volver sobre Filosofía da saudade ou Olladas no futuro para descubrir a un escritor pulcro, de impecable estrutura sintáctica, de coidadísima precisión léxica, de fina poesía. Deixounos hai 34 anos, mais o seu legado sempre seguirá vivo. Lémbrano todas aquelas persoas que pasaron pola mesa camiña de Xelmírez; as que recibiron, en Lugo ou Santiago, o seu maxisterio. Un ano despois da súa morte, tiven a sorte de asistir a unha conferencia de Xesús Alonso Montero. Foi a primeira vez que me decatei da súa verdadeira grandeza; alí, na emoción da súa voz, vibraba a admiración, o recoñecemento a un dos peares da nosa cultura, á persoa íntegra e ao intelectual brillante. Por iso convén lembralo.