









Ana Carreira e Marga Portomeñe foron as encargadas de realizar o acto de ofrenda á autora galega. Trátase dun dos momentos máis emotivos do San Froilán
06 oct 2024 . Actualizado a las 23:15 h.A tradicional ofrenda a Rosalía de Castro, un dos pratos fortes da programación do San Froilán, correu este ano a cargo da dramaturga, actriz e escritora Ana Carreira e da docente, tamén actriz, escenógrafa e artesá Marga Portomeñe. Daban as doce pasadas durante a xornada do Domingo das Mozas cando no Parque Rosalía de Castro comezou este acto de homenaxe a poeta galega no espazo que leva o seu nome.
Foi a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, quen presidiu o acto xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro. A rexedora sinalou que esta ofrenda «é un momento emocionante, con moito significado dende o punto de vista do compromiso coa igualdade, coa lingua galega e coa conservación das nosas tradicións, que tamén son referentes nesta xornada de Domingo das Mozas». Así mesmo, recordou a Rosalía de Casto e a súa traxectoria como sinónimo de compromiso, por unha parte coa igualdade das mulleres e, por outra, coa reivindicación da lingua galega. Dous dos aspectos no que a artista deixou unha forte pegada.
Tamén Alvarellos se referiu a Ana e Marga como profesionais que intensifican co seu traballo o compromiso coa cultura galega no ámbito do teatro, da literatura e da docencia.
Unha ofrenda humilde
O primeiro que fixeron as dúas mulleres foi agradecer a confianza depositada nelas e resaltar que «queremos facer esta ofrenda con humildade». Fixérono despregando as súas dotes como actrices para repasar os personaxes de Rosalía e dalgunhas das mulleres que protagonizaron as súas obras. O acto contou, ademais, coa actuación musical do Coro de Cántigas e Frores e coa presenza de representantes da corporación municipal.