Milladoiro

XULIO XIZ

LUGO

14 oct 2024 . Actualizado a las 17:31 h.

«Están acabadiños», dixo un rapaz detrás de nós, mediado o concerto de Milladoiro que poñía o peche a unhas festas que, permitido polo tempo, tiveron un remate triunfal. Home, acabadiños, non… se acaso, vivindo de rendas, pola súa especial traxectoria. Abarrote de público interxeneracional, expectación polo espectáculo con resultado garantido… Milladoiro foi o de sempre.

E lembrei o Milladoiro que hai corenta anos actuou en Lugo no San Froilán. Era un grupo triunfante, daquela rompedor, que viña a Lugo no día do Santo. Pero no seu camiño, e no noso, cruzouse o furacán Hortensia, que na noite do tres ao catro de outubro de 1984 nos fixo pasar a noite na casa do Concello aos responsables das festas para ser testemuña do seu paso devastador, e procurar solución aos estragos causados.

Entre outros danos, arrasou o escenario instalado na Praza Maior, onde iba actuar Milladoiro, o máis grande que tiñamos. Tentamos negociar co grupo para cambiar o lugar de actuación a outro escenario, algo máis pequeno, pero non houbo nada que facer: ou actuaban no palco da Praza Maior, ou teríamos problemas. De nada valeu mencionar a catástrofe sufrida. Pero aínda que parecía imposible, porque os medios non eran os de hoxe, a brigada municipal de obras facía miragres e salvamos o importante escollo.

Solucionado o problema, o inflexible grupo actuou na Praza Maior, pero aos que andabamos na organización quedounos un regustiño amargo pola incomprensión do gran grupo musical galego nunha ocasión dramática. Como corenta anos non son nada, aquel recordo pesoume na alma o tempo que estivemos contemplando a actuación de Milladoiro.