Samuel, xuíz e vítima

María López Sández
MARÍA L. SÁNDEZ LUGO / LA VOZ

LUGO

22 oct 2024 . Actualizado a las 20:10 h.

Samuel, na Biblia, foi o último xuíz de Israel e o primeiro profeta. Pero entre nós, agora e no futuro, Samuel será a vítima que nos advirte dese efecto masa no que os seres humanos perden a súa humanidade e, no conxunto da avalancha, son capaces dos actos máis atroces. 

Semella que o delito, a provocación de Samuel, foi responder ao insulto homófobo: “maricón, por que?”. Na perspectiva e na distancia de saber como rematou aquela noite atroz decatámonos da incongruencia de preguntarlles polas causas a quen non sabe de racionalidade. Quen non responde, nin sequera “maricón porque o digo eu e porque si”, senón que recorre á violencia bruta ata ao punto de destrozar e matar a quen non coñece, a alguén que simplemente se cruzou no camiño. No espanto e no horror que sucedeu logo podemos imaxinar o sufrimento e a agonía de Samuel, o asañamento da masa. Cada un e cada unha sabe que lugar escolle nunha traxedia. A historia demostra que a altura moral se revela nas situacións críticas. Pero o máis triste é que para que a traxedia non acontecese quizais non tería sido precisa nin sequera a acción heroica, só o mudo desprezo a quen inicia, a quen incita, a quen azuza. 

En relación a este crime tense invocado a metáfora da manda, unha manda de violencia. Certamente, sexa na violencia sexual grupal ou nun linchamento colectivo algo acontece que ten que ver coa psicoloxía de masas. E aí está o máis importante da lección que tristemente nos legou Samuel: que nunca debemos deixar de ser individuos, que nunca podemos renegar da nosa responsabilidade individual, que o manto do colectivo non pode lavar as nosas faltas. Cómpre lembralo, para o que acontece nas rúas e tamén neses novos fenómenos de masas nos que opera a mesma psicoloxía colectiva, a mesma cegueira de furor e rabia.