Catuxa Salom, artista afincada en Lugo: «Sempre hai caldo na miña casa, aínda que sexa conxelado»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Catuxa Salom acaba de publicar o disco «Caldo».
Catuxa Salom acaba de publicar o disco «Caldo». CEDIDA

A cantante, compositora e música galego-arxentina que vive nunha aldea da Ulloa acaba de publicar «Caldo», un disco enérxico con afrobeat, electrónica e música de raíz como homenaxe aos coidados

26 nov 2024 . Actualizado a las 13:09 h.

A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, o folclore galego e as bases electrónicas enérxicas son a carta de presentación de Catuxa Salom, cantante, compositora e música galego-arxentina afincada nunha pequena aldea da comarca da Ulloa. A artista irrompera con forza na escena independente coa publicación do seu epé de debut, Nunha aldea, cun achegamento idílico ao mundo rural. Logo de percorrer máis de medio cento de salas de concertos e festivais de toda España e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, este ano acadou o Premio Martín Códax na categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.

Agora acaba de publicar o seu primeiro elepé, Caldo, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. O álbum, distribuído por Altafonte, fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza, con enerxía e diversidade, para facer bailar mentres avoga por tecer unha rede de coidados desde a proximidade.

Caldo mergulla ao público nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces arxentinas coas galegas. O elepé componse de nove pezas que nacen na comarca da Ulloa, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga co simbolismo e incorpora varias linguas. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta inclusiva, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow.

—Como nace «Caldo»?

—Esta é a segunda parte de Nunha aldea, que nacera cando fun vivir a Vilarxubín e tiña unha mirada urbanita que romantizaba o rural. Con este traballo doulle importancia aos coidados e á amizade como redes de apoio e profundizo a nivel sonoro nas miñas raíces.

—Como chegou ese desencanto co rural?

—Polo frío de Lugo [ri], eses invernos xélidos, a soidade non desexada.... foi un golpe de realidade, un espertar.

—Por que elixiu o título de «Caldo»?

—É a miña maneira de simbolizar os coidados e a calidez. Nas aldeas sempre hai caldo quente para compartir. Na miña casa tamén, sempre hai caldo, aínda que sexa conxelado.

—No seu traballo mestura distintas culturas e linguas. Casa ben todo iso?

—É algo bastante orgánico, a min sáeme de maneira natural, busco nas miñas raíces, acentúo as percusións, que corren a cargo de Lucía Cortiñas... e emprego catro linguas neste disco: galego, castelán, francés e ruso. Son unha persoa que viaxou moito e estas son linguas que coñezo; ao final, o disco, reflicte o que eu son.

—Ten previsto concertos proximamente pola provincia?

—A xira comezareina a principios do ano que vén, así que por agora non teño datas pechadas por Lugo.