Son de Lugh organiza unha foliada en homenaxe a Manuel Lombardía: «Queremos celebrar a súa vida»
LUGO
A agrupación prepara a cita para o sábado 18 coa que buscan recordar e ter presente ao seu compañeiro, gran amante da nosa tradición
13 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Manel era un home que, se musicalmente era bo, humanamente era espectacular». Así recordan os membros de Son de Lugh a Manuel Lombardía, que faleceu en xaneiro do 2024 e que foi un dos fundadores da agrupación de música tradicional. Dende a asociación folclórica organizan unha foliada libre o vindeiro sábado 18 de xaneiro —na cafetería As Gándaras de Lugo a partir das 22.00 horas— para recordar e ter presente ao seu compañeiro, gran amante da nosa tradición.
«Cando lle xurdiu a enfermidade, vivímola con el e seguiu participando con nós ata o último momento. Cremos que era merecedor de algo máis que un recordo, de aí a nosa intención de facerlle esta homenaxe de maneira máis permanente», explica Miguel Carricoba, músico do grupo. O obxectivo é mantela como unha xuntanza anual no calendario.
«No noso grupo xa hai un tempo atrás que queríamos organizar foliadas de xeito periódico. A intención é que sexa a primeira de moitas, que nos xuntemos na súa memoria», engade. Din que estarán moi presentes uns versos que el mesmo lles transmitiu: «Non me andedes chorando que eu vivín, desfrutei da vida e quero que a miña lembranza sexa motivo de alegría, non de tristura. Este era o seu pensar e tiñámolo moi presente».
Por iso, buscan a través desta homenaxe e coa música como fío condutor darlle outro matiz. «Era moi bo tocando na gaita, era o mestre que nos ensinaba. A nosa intención é que a foliada sexa unha festa. Como fai un ano do seu falecemento, imaxinamos que haberá unhas palabras e poñerémonos algo tristes, pero a idea é que reine a felicidade e brindemos pola súa vida, porque así nolo dicía el».
O grupo Son de Lugh, ambientado no mundo castrexo e que naceu á beira do Arde Lucus, é un dos habituais nos cantos de taberna e nas foliadas pola provincia. A súa actividade está estreitamente relacionada coa música tradicional en Lugo, vinculación que tamén compartía o seu querido compañeiro.
Xuntanza aberta
«Moita xente coñecíao por este mundo xo que estaba moi vinculado e por iso queremos que todo o mundo veña a desfrutar e a celebrar a vida de Manel todos xuntos». Deste xeito, destacan o carácter aberto da cita coa que esperan reunir unha boa afluencia de participantes, como xa lograron na que impulsaron con motivo do décimo aniversario do grupo.
«En realidade era unha festa de despedida para el que viu a foliada e participou como puido porque xa estaba enfermo. A resposta sobrepasou todas as súas expectativas. Desta volta, non sabemos cantos se van achegar, pero imaxinamos que moita xente porque era moi querido e somos moitos os que queremos festexar a súa vida». Estes músicos e amigos, que contan con pezas propias como parte do seu repertorio, están convencidos de que «hai que buscar sempre motivos para festexar con xente. El dicía que o que se ía levar non eran os cartos, nin o traballo, senón as relacións que establecemos cos demais».