Lugo achégase ao legado de Castelao no seu 75 cabodano

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Acto de inauguración da exposición «75 anos da sinatura de ?As cruces de pedra na Galiza?» no Museo Provincial de Lugo.
Acto de inauguración da exposición «75 anos da sinatura de ?As cruces de pedra na Galiza?» no Museo Provincial de Lugo. CEDIDA

Exposicións, charlas e libros servirán para difundir e poñer en valor a súa herdanza artística, política e literaria

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 2025 foi declarado pola Xunta coma o Ano de Castelao e a provincia de Lugo non podía deixar de sumarse a esta efeméride, con motivo do 75 cabodano do intelectual rianxeiro, unha das grandes figuras da historia de Galicia. Museos, concellos e asociacións lucenses programaron para as próximas semanas numerosas exposicións e charlas para difundir e poñer en valor o legado artístico, político e literario do autor de Sempre en Galiza, nas súas múltiples facetas: escritor, pintor, humorista, debuxante, político, médico, galeguista...

Unha das primeiras institucións que quixo sumarse a esta conmemoración cultural é o Museo Provincial de Lugo, que inaugurou hai uns días a mostra bibliográfica 75 anos da sinatura de «As cruces de pedra na Galiza», que conmemora o 75 aniversario da publicación desta obra, que Castelao asinou días antes de falecer, no exilio, en Arxentina. A exposición, coordinada polo Museo do Pobo Galego, reúne as primeiras edicións desta publicación, representativa do labor de investigación e estudo que Castelao realizou sobre os cruceiros, valorizándoos como patrimonio artístico popular e como mostra das conexións culturais entre Galicia e os países do arco atlántico.

Xunto aos exemplares da obra, cuxo primeiro intento de impresión, en 1936, se truncou polo alzamento militar, e de As cruces de pedra na Bretaña, figuran publicacións sobre esta temática de Portugal, Irlanda, Bretaña, Illa de Man, Escocia, Cornualles e Gales. No acto inaugural, a deputada de Cultura, Iria Castro, sinalou que «sociedade e institucións temos que lograr que o legado de Castelao como escritor, pintor, humorista e político nacionalista sexa coñecido polo gran público, especialmente polas novas xeracións».

Esta primeira exposición, que se poderá visitar ata o 30 de marzo, abre a programación conmemorativa «75 cabodano de Castelao (1950-2025)», coa que o Museo difundirá a figura de Castelao no primeiro trimestre do ano.

Outro dos proxectos expositivos do Museo é Castelao. De «Sempre en Galiza» ao Consello de Galiza (1934-1944), que afonda no pensamento político de Castelao a partir de dous fitos: a publicación do libro Sempre en Galiza, un alegato a prol do recoñecemento da identidade nacional de Galicia e o autogoberno, e a creación do Consello de Galiza, goberno galego que presidiu no exilio. E o Museo tamén acollerá, ata marzo, a exposición fotográfica Castelao: o retorno a Galicia, 1984, con medio cento de imaxes realizadas por Xan Carballa nos actos celebrados en Compostela con motivo da chegada a Galicia dos restos de Castelao, 24 anos despois da súa morte no exilio, en Arxentina.

Ciclo de conferencias

Por outro lado, haberá diferentes charlas ao longo das próximas semanas. O propio Museo Provincial acollerá o 20 de febreiro unha ponencia de Fernando Arribas sobre as achegas de Castelao aos comezos da investigación científica dos cruceiros. E o 28 de febreiro celebrarase a II Xornada dedicada á Vixencia de Castelao na Arte e no Pensamento Galego, coordinada por Pilar García Negro e Aurelia Balseiro, con intervencións de Miguel Anxo Seixas, Iria-Friné Rivera, Victoria Carballo Calero, Diana Vila Meis e Francisco Rodríguez.

Pola súa banda, a asociación Lugo Patrimonio tamén organiza unha conferencia conmemorativa polo cabodano de Castelao: será o martes 21 de xaneiro, O Castelao pintor, a cargo de María Pilar García Negro, con visitas á súa obra no Museo de Pontevedra.

Reivindicación desde Muras

En canto ao Concello de Muras, emitiu un bando para convidar á veciñanza a achegarse á figura de Castelao «en toda a súa dimensión humana, política e intelectual e aprendermos a ser cada día máis galegos». Recomendan ler, por exemplo, Sempre en Galiza, que abrirá «o noso corazón a Galiza e nos dará coraxe para combater calquera manipulación ou apropiación indebida que se faga da súa figura».

Sae á luz un texto inédito sobre un acto con Castelao

Unha das asociacións implicadas na celebración do Ano de Castelao é o Legado Activo Beiras Cal, que organizara o ano pasado a exposición de fotografías antigas da malla en Muras. Este colectivo acaba de divulgar un diario inédito dunha das singraduras da asociación xuvenil dos Ultreyas, en 1932. Daquela, Antón Beiras foi o mozo Ultreya elixido para relatar o periplo das celebracións do 25 de xullo.

Xa se sabía que Castelao se encontrara cos Ultreyas nunha conferencia no Liceo de Noia, pero o documento que acaban de facer público permite coñecer uns apuntamentos sobre o contido do discurso de Castelao: «Cóntanos Castelao os desprecios de que son obxecto os galegos n´as demais rexions de Hespaña e logo le versos de autores castelans que son un verdadeiro insulto para Galicia. Logo di da falta que fai preparar a xuventude para o día de mañan», explica Beiras.

E tamén relata unha anécdota simpática, no momento en que os mozos se puxeron a cantarlle a Castelao o himno Ei, Armorica, do que algúns non atinaban co tono: «Castelao case se bota a rir ô ber que non damos xento ô himno».

Colección de trinta obras de Castelao

O Museo Provincial conserva entre os seus fondos unha colección de30 obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950), exposta integramente ao público. Unha sala monográfica dedicada ao artista recolle debuxos, gravados, óleos, acuarelas... feitos na súa maioría nos anos vinte do século XX.

Homenaxe en Valín Libros

Libros expostos en Valín Libros
Libros expostos en Valín Libros

A libraría Valín Libros, de Lugo, preparou un auténtico «festín» de publicacións de Castelao a modo de exposición-homenaxe polos 75 anos da súa morte. No escaparate e nos estantes do establecemento pódense contemplar ducias de exemplares de obras do autor de Rianxo. Algunhas son verdadeiras xoias, mesmo con edicións de principios dos anos 30.